Reza: "Son uns orzamentos decepcionantes, irreais e regresivos"

O BNG de Ourense critica a falta de realidade e a volta das achegas nominativas ao presuposto presentado no CMD

Reza: "Son uns orzamentos decepcionantes, irreais e regresivos"

Os concelleiros do BNG de Ourense realizaron unha valoración sobre a proposta de orzamentos presentados polo cogoberno no Consello Municipal de Deportes (CMD). Criticaron as achegas nominativas, que desapareceran durante o mandato de goberno do BNG, que entrega ao COB e ao Rallye de Ourense a meirande parte dos orzamentos.

O cogoberno PP-DO presentaron na anterior reunión do CMD os orzamentos para o vindeiro ano 2020. A concelleira do BNG criticou que estes orzamentos presentados son "moi optimistas" e non teñen en conta as obras do Pavillón Municipal de Deportes sabendo que pode facer mermar os ingresos e "pon en risco o propio orzamento" coas previsións que o goberno realiza.

"Son uns orzamentos decepcionantes, irreais e regresivos" explicou Reza. Continuou afirmando que os investimentos na mellora das instalacións deportivas son só de dez mil euros, sendo "unha cantidade mínima" para o estado no que se atopan estas infraestruturas.

Asemade, calificou estes orzamentos como "unha volta ao pasado. Son uns orzamentos regresivos. Volven as achegas nominativas que se suprimiran cando o BNG tivo responsabilidades no goberno municipal". Este tipo de achegas están centradas, nesta planificación para o ano 2020, para o Clube de Ourense de Baloncesto (COB) e para o Rallye de Ourense: actores que se levaran a meirande parte dos orzamentos.

"O COB recibirá o triplo de axuda en comparación con anos anteriores, o incremento que se produce nos orzamentos non chega para aumentar as axudas a outros clubes e tocarán a menos co incremento do COB e o Rallye de Ourense" sinalou o voceiro do BNG, Luis Seara.

A concelleira Reza sinalou tamén que se achega "unha RPT con 16 prazas vacantes no cadro de persoal". Explicou que non se tivo en conta o borrador da RPT que se lle encargou a unha consultoría externa nin tampouco as valoracións feitas polas representantes das traballadoras.

Nas conclusións, que o BNG destaca como prioritarias para a realización duns verdadeiros orzamentos, fálase dos postos que están vacantes, que non existe un plan de carreira profesional e mesmo nas descripcción non se axustan á realidade dos postos de traballo que o persoal desenvolve.

A concelleira do BNG destacou que fai falla unha "maior cualificación do cadro de persoal, impulsar mecanismos de promoción interna e mesmo  a posta en marcha dun proceso de funcionarización que aforre cartos ao concello de Ourense e tendo postos de traballo máis estábles".

 

Reza: "Son uns orzamentos decepcionantes, irreais e regresivos"