Propomos a adaptación do Parque da Aventura para o ciclismo
Convertiríase na sede da Escola de Ciclismo de Ourense
O Grupo municipal do BNG ven de rexistrar unha moción para o próximo Pleno na que solicita ao Concello o reacondicionamento dun espazo verde como parque para bicis que sirva de base para desenvolver posteriormente unha Escola de Ciclismo.
Ourense rexistra cada Día da Bici unha gran cantidade de participantes que amosan nas rúas da nosa cidade que este medio de locomoción está bastante estendido e que, en moitos casos, supón unha forma de ocio en familia, pois moitos nenos e nenas son acompañados polas súas nais e pais nesa xornada de exaltación da bicicleta. A pesar diso, Ourense non conta cun espazo específico onde estas rapazas e rapaces poidan practicar con seguridade este deporte.
Outras moitas cidades teñen acondicionado algún dos seus parques para que nenos e nenas poidan afeccionarse ao ciclismo, cun pequeno circuíto de BMX, aneles de velocidade ou series de obstáculos móbiles para adestrar as habilidades dun deporte que é moito máis que seguir as tradicionais voltas ciclistas, pois tamén permite formar en valores ás novas xeracións.
A nosa cidade ten o servizo de préstamo de bicicletas BICIOurense e dispón dun paseo recentemente sinalizado nas beiras dos ríos para practicar o sendeirismo, pero fáltalle un espazo polivalente, básico e popular que poida servir como base para o nacemento dunha Escola Municipal de Ciclismo, a semellanza do que acontece nos concellos de Maceda ou O Pereiro de Aguiar, onde iniciativas deste tipo lles permitiron a ducias de rapazas e rapaces iniciarse nas diferentes modalidades de ciclismo ademais de formarse noutras cuestións e valores como seguridade viaria, compañeirismo, respecto polo medio ambiente ou alimentación saudábel, mentres practicaban unha actividade física.
Esta proposta non necesitaría un grande investimento, posiblemente menos do que custou a sinalización do paseo ao que facíamos referencia antes, pois existe un parque próximo ao Pavillón dos Remedios, o denominado Parque da Aventura entre a rúa do Bispo Lourenzo e a autovía, perfectamente resgardado destes viais, que cun pequeno reacondicionamento do terreo para crear suaves ondulacións curvas peraltadas, pequenos saltos, anel exterior e módulos móbiles de madeira podería supor un excelente exemplo de parque para bicis e sede da Escola de Ciclismo de Ourense.
A moción do grupo municipal do BNG solicita ao Pleno dous acordos neaste sentido. Primeiro que se proceda ao reacondicionamento do parque entre a Rúa do Bispo Lourenzo e o acceso centro da autovía como un espazo para bicicletas, polivalente, básico e popular. E segundo que o Concello fomente a creación dunha Escola Municipal de Ciclismo que teña neste parque reacondicionado a súa sede.
Ourense, 29 de agosto de 2014