Levamos a pleno a recuperación das fontes termais do antigo Balneario das Caldas
As veciñas-os da zona adecentaron o lugar para poder disfrutar dunhas augas que manteñen todas as súas propietadades terapéuticas
O antigo balneario das Caldas estaba situado na zona entre as actuais Torres do Pino e a beira dereita do Miño. Hoxe está totalmente derrubado e soamente se ven restos das paredes e os mananciais de auga quente medicinal.
Hai moitas referencias ao balneario. No ano 1881 falábase de que era un edificio novo con 15 pías, sala de duchas e pulverizacións, habitacións en alugueiro, fonda e xardíns. As súas augas tiñan propiedades recoñecidas no ámbito da medicina e, nalgún caso, incluso foron receitados uns baños para paliar algunha doenza.
Actualmente pásalle por riba o acceso á autovía e alí soamente queda un descampado con mal acceso e sen ningún tipo de acondicionamento para o seu uso. A pesar diso, acoden alí moitas persoas pola calidade da auga que deitan os canos. O pouco que hai, mesas e bancos de pedra, así como a limpeza dos carreiros de acceso, foi acondicionados por veciñas e veciños da zona. O equipo de goberno nunca amosou interese no lugar a pesares das reiteradas suxerencias feitas dende o BNG.
Nunha cidade que ten o termalismo como sector estratéxico pódense dar pequenos pasos. A recuperación e posta en valor de todos os mananciais termais localizados no concello pode ser un obxectivo que non require dun grande investimento nunha época na que os grandes investimentos non dan arrancado, e como explica a concelleira Susana García tería moita repercusión tanto nos residentes como no turismo.
Porén cómpre coñecer a quen lle pertencen os terreos e quen ten a titularidade das augas para poder chegar a un acordo, tanto se se trata de entidades públicas como de persoas físicas, e conseguir a recuperación da zona para o uso público cunhas mínimas condicións de accesibilidade e hixiene.
Neste senso, o grupo nacionalista presentará para o pleno do venres unha proposta na que lle pide á Concellaría de Termalismo que dea os pasos necesarios para recuperar estas fontes así como outras similares que afloran no noso termo municipal. Para o BNG, o termalismo debe ser un dos motores da recuperación económica de Ourense pero para iso é preciso que o equipo de goberno tamén o considere unha prioridade.
Ourense, 2 de setembro de 2014