Un PSOE sen proxecto propón investir en 'cemento' e esquece as políticas sociais
9 millóns de euros quedaron sen executar en 2013
O goberno de Ourense abandona o proxecto de presentar os orzamentos de 2014 en favor dun plan de obras co remanente de tesourería. Agustín Fernández pretende facer pasar por creación de emprego unha medida da que xa se comprobou a súa ineficacia a través do Plan E posto en marcha por Zapatero, que curiosamente hoxe visita Ourense. Para o BNG as políticas sociais non poden ser substituídas por un plan de obras cunha dubidosa capacidade de execución.
Xa no 2013 o goberno de Ourense deixou máis de 9 millóns de euros dos orzamentos sen executar en partidas orzamentarias de 380.000 para o perímetro rural, 290.000 para abastecemento e saneamento, 430.000 para infraestruturas viarias urbanas ou actuacións en vías públicas por máis de 1 millón euros.
En momentos nos que a cidadanía padece os peores ataques por parte das políticas conservadoras que promoven a austeridade sacrificando a vida das persoas con menos recursos, o goberno do PSOE abandona a vía de elaboración dun proxecto orzamentario completo para a cidade de Ourense. O PSOE opta polo eleitoralismo e as 'obras' como única saída á súa falta de capacidade para planificar un futuro para Ourense.
Cunha política que pretende facer pasar como creación de emprego a mellora encamiñada a un único sector. O goberno de Ourense demostra que non ten capacidade para facer fronte aos problemas das veciñas e veciños de Ourense cunha economía diversificada. O PSOE non pon sobre a mesa nen unha soa proposta sobre políticas sociais. Non sabemos que vai pasar cos servizos públicos nen cales son as prioridades do investimento municipal en benestar, igualdade, servizos sociais, axudas de emerxencia e todas as prestacións encamiñadas a axudar ás familias a facer fronte á crise que vive o sistema. Por contra o PSOE opta por repetir as políticas fracasadas de Zapatero apostando pola creación de emprego precario, e temporal.
Dende o BNG defendemos que para a creación de emprego en Ourense é necesario o impulso dos sectores produtivos, a aposta polo termalismo e unha política cultural ambiciosa que acompañe ás políticas de turismo como fontes de ingreso e de proxeción da cidade, apostar por xerar na cidade espazos de creación de novas ideas e proxectos competitivos que abran novas vías de desenvolvemento e políticas sociais que permitan ás familias afrontar a difícil situación á que se enfrentan.
Hoxe sabemos que o PSOE quere investir en cemento parte do remanente de tesourería pero non sabemos nada da aposta estratéxica en materia turística do Concello de Ourense, actualmente inexistente, non coñecemos cal é o seu proxecto para o sector Termal alén de efectivizar a proposta feita en pleno polo BNG para a expropiación dos terros das Burgas e o seu desenvolvemento termal. Non sabemos cales son para o goberno os sectores prioritarios para o desenvolvemento económico da cidade porque nada fai referencia a eles na pobre planificación económica que nos presentaron no último borrador de orzamentos. Nada di o goberno sobre o gasto social, sobre como afrontará a cidade os numerosos recortes impulsados polo PP na Xunta e no goberno de Madrid a través da lei de sustentabilidade da administración pública. Menos sabemos a que creación de emprego de calidade fai referencia cando mantén paralizado o Plan de Emprego case un ano despóis de que se iniciaran os traballos para a súa elaboración.
Sabemos, iso si, que se hai remanente de tesourería é porque non se executou o orzamento anterior, máis de 9 millóns de euros non foron executados no 2013 incluídas partidas que fan referencia ao abastecemento de auga, ao saneamento ou ás actuacións en vías públicas -máis de 1 millón de euros- que agora se pretende levar a cabo por fóra do orzamento a través dunha modificación de crédito. Con estes precedentes na xestión é fácil albiscar que hai poucas garantías de que se execute ese Plan E local que o PSOE pretende pór en marcha que ademáis pretende realizar en 2014 e 2015 cando non esta claro que o remanente de tesourería poda divirse en dúas anualidades.
Dende o BNG defendemos que Ourense necesita planificación para ter futuro, e que o futuro que queremos para Ourense pasa por unha aposta clara polo desenvolvemento termal, o turismo e a cultura. Non pasa polo eleitoralismo e por facer chamados á unidade no traballo con propostas trampa como a que pon enriba da mesa o goberno co remamente de tesourería.
O voceiro municipal do BNG sinalou que 'o bloque quere transmitirlle ás veciñas e veciños de Ourense que este plan de investimentos é irrealizábel por moito que o Alcalde intente vender como posíbel algo que únicamente é fume eleitoral'.
Ourense, 13 de maio de 2014