Reclamamos o Plan de Emprego Feminino prometido polo PP no 2009
O grupo municipal proporá no pleno de marzo que o Concello de Ourense reclame ao goberno galego a que aprobe, nun prazo máximo de dous meses, o Plan de Emprego Feminino prometido polo presidente Núñez Feijóo xa no ano 2009 e posteriores, que ademáis é unha obriga da Lei do Traballo en Igualdade das Mulleres Galegas, aprobada un ano antes e que tiña como obxecto conseguir que as mulleres tiveran as mesmas oportunidades que os seus compañeiros masculinos. Mais co PP todo quedou na aprobación dun texto legal. Cómpre vontade e cómpre orzamento para implementar as medidas que corrixan a discriminación que vivimos con respecto aos homes.
A situación de desigualdade que viven as mulleres, acentuada en época de crise, obriga a que se tomen medidas urxentes que revirtan a situación e dende o BNG consideramos que un plan de emprego sería a ferramenta axeitada. Ora ben, co orzamento necesario para se desenvolver ao longo dos próximos catro anos.
As cifras son elocuentes, dende o 2009 incrementouse en 46.000 o número de mulleres desempregadas en Galiza, disparándose ata o 10,9% as mulleres desempregadas de longa duración. En Ourens eo desemprego feminino pasou do 12% en 2009 ao actual 19,7%
Segundo explicaba a concelleira Ximena González o obxectivo debe ser estabelecer medidas destinadas a incrementar a taxa de emprego feminino, promover a contratación de mulleres nos sectores en que está subrepresentada , reducir o alto grao de precariedade das traballadoras na Galiza, atallar as problemáticas específicas das mulleres nos ámbitos produtivos atendendo especificamente a problemática das mozas galegas para accederen ao emprego, case 60.000 mozas galegas tiveron que emigrar dende o inicio da crise.
Diferentes estudos e informes recollen datos sobre o desemprego e as lamentábes condicións dos traballos que desempeñan as mulleres na Galiza a día de hoxe. Situación que se agrava na provincia de Ourense.
A pesar de escoitarmos insistentemente o discurso da igualdade conseguida, a realidade reflicte que a fenda salarial continúa ampliándose e as mulleres son as principais afectadas cando nos referimos ás persoas que se atopan en risco ou situación de exclusión social, porque a crise aumentou a parcialidade e temporalidade das mulleres traballadoras.
Asemade, o desigual reparto de responsabilidades á hora de asumir o traballo non remunerado supón que a maternidade sexa un factor de penalización sobre o emprego das mulleres. Tampouco podemos esquecer que o coidado d@s maiores e dependentes recae maioritariamente nas mulleres, situación que tamén empeorou coa crise ao recortar a Xunta as axudas destinadas á dependencia.
As chamadas políticas de austeridade frearon a posta en marcha de políticas de igualdade, tanto a nivel lexislativo como de realización de programas concretos. Así, algúns instrumentos con medidas antidiscriminatorias, como a Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galiza, está paralizada.
Dende o BNG, explica Ximena González 'defendemos as políticas de emprego como prioritarias, tanto a nivel local como nacional, se a algo ten que adicarse a Xunta de Galiza é a fomentar a creación de emprego nos sectores que máis dificuldades teñen para acceder a él' e engade 'todas as administracións deben facer a súa parte, a Xunta co Plan de Emprego feminino, o Concello con Plan de Emprego local, se en algo paga a pena meter esforzo é precisamente en garantir condicións de vida dignas e emprego de calidade'.