O BNG traslada por escrito as súas propostas para a elaboración das Bases que rexerán a concesión de bonos para o seu gasto en comercio e hostalería
Na formación nacionalista entenden preciso establecer os sectores a as cantidades máximas en cada un deles así como os límites por establecemento. Tamén propoñen ter que estar censado no concello cunha antigüidade de 6 meses e mesmo favorecer a aqueles con rendas máis baixas
Ourense, 13 de decembro de 2022. O Grupo municipal do BNG no Concello de Ourense ven de rexistrar un documento dirixido á alcaldía no que se inclúen as propostas nacionalistas para a elaboración das Bases que rexerán a concesión de Bonos á veciñanza para o seu gasto no pequeno comercio e no sector hostaleiro e dar cumprimento así ao acordado hai dous anos, pero que Jácome foi adiando para poder empregar como baza electoral, de adicar os 10 millóns de euros sobrantes do primeiro paquete de axudas concedido no seu día soamente ao sector hostaleiro.
Como ben indican os nacionalistas no seu escrito, “facemos chegar unha serie de propostas a ditas Bases, co fin de ser tidas en conta, e cuxo único obxectivo non é outro que contribuir ao bo funcionamento e uso dos citados bonos, garantindo que se benefician dos mesmos o maior número de establecementos posibles así como as veciñas e veciños máis vulnerables”.
Xustifican a súa presentación no feito de que logo de ter sido convocados a dúas reunións previas por parte do alcalde, nada se ten avanzado sobre esta cuestión. “Non queremos chegar a unha nova reunión sen contido, sen nada sobre o que discutir, de ahí que traslademos por escrito unha proposta que, aínda que xa explicitamos de palabra, agora trasladamos sobre o papel”.
As propostas polo BNG pasan pola adefinición dos sectores a beneficiar e das cantidades máximas destinadas a cada un deles. Deste xeito, a proposta nacionalista establece sete categorías.
1. Hostalería (gasto máximo 2 millóns de euros. 10 euros de desconto por cada 20 euros de compra até un máximo de 40 euros por persoa usuaria).
2. Comercio (gasto máximo 3 millóns de euros. 20 euros de desconto por cada 40 euros de compra até un máximo de 60 euros por persoa usuaria).
3. Cultura (gasto máximo 1 millóns de euros. 40 euros de desconto por cada 60 euros de compra até un máximo de 60 euros por persoa usuaria).
4. Salóns de peiteado e estética (gasto máximo 1 millón de euros. 20 euros de desconto por cada 30 euros de compra até un máximo de 30 euros por persoa usuaria).
5. Transporte, mobilidade (gasto máximo 1 millón de euros. 6 euros de desconto por cada 10 euros de compra até un máximo de 30 euros por persoa usuaria).
6. Deporte (gasto máximo 1 millóns de euros. 10 euros de desconto por cada 20 euros de compra até un máximo de 20 euros por persoa usuaria).
7. Centros de fisioterapia ou rehabilitación, odontoloxía e psicoloxía (gasto máximo 1 millón de euros. 10 euros de desconto por cada 30 euros de compra até un máximo de 30 euros por persoa usuaria).
Igualmente entenden necesario fixar unha cantidade máxima de intercambio de bonos en cada establecemento co obxectivo de que as axudas cheguen ao maior número de establecementos do concello e evitar que un único poida acaparar o 60 ou o 70% do total das axudas, algo que por certo xa aconteceu coas adicadas á adquisición de libros por parte das nenas e dos nenos. Cómpre fixar o importe máximo de bonos que poderá trocar cada local, sendo a proposta do BNG que dito límite estea nos 5.000 € (IVE incluído) por establecemento.
No tocante ás persoas beneficiarias, os de Luís Seara propoñen como requisito indispensable levar censado no Concello de Ourense 6 meses desde a data de publicación definitiva das Bases no Taboleiro de anuncios do concello, así como que as persoas usuarias dos Bonos sexan maiores de idade. Por último, consideran necesario darlle prioridade, sen prexuízo do resto da veciñanza, a aquelas persoas cuxa renda per cápita anual sexa inferior aos 12.000 euros anuais.