Seara: "veñen a servirse e non a servir"
O BNG analiza os 100 días de mandato calificandoo como cogoberno insolvente
O portavoz municipal do BNG no concello de Ourense, Luis Seara, e a concelleira Rhut Marina Reza, mostraron as conclusicóns destes primeiros cen días de cogoberno. Sinalaron que goberna José Luis Baltar "con persoa interposta" e que o tripartito é un goberno "insolvente".
Cen días de mandato do goberno tripartito non son moito pero xa nos permiten ver o que serán as políticas públicas. "A repartición de áreas no goberno foron unha declaración de intencións: o PP quédase coa área de urbanismo, artífices das modificacións do PXOM, e as áreas de persoal e cultura para DO, organización demoledora da cultura" destacou o voceiro do BNG, Luis Seara. Indicou que é un goberno que "veñen a servirse e non a servir".
O portavoz do BNG sinalou que non se trata dun goberno inexperto xa que "catro das persoas que forman este cogoberno xa tiveron responsabilidades de goberno no anterior mandato". Agora, en vez de recortar plantilla, realizarán unha "contratación masiva de técnicos" ascendendo a cifra a cincuenta.
"O despacho do alcalde parece o camarote dos irmáns Marx" sinalou o voceiro do BNG referíndose á ampliación do persoal eventual, incrementándose medio millón de euros o orzamento. Após dúas dimisións nas filas de DO e o intento do PP de Baltar de que Jesús Vázquez dimita do seu posto e entre José Cudeiro, verdadeiro artífice dos pelotazos do PXOM, "vemos como o tripartito non cumpríu con ningunha das súas promesas nos primeiros noventa días".
A eliminación dos "bolardos asasinos", a reparación do modelo de recollida de lixo, a reapertura da Praza de Abastos da Ponte: foron promesas do actual goberno que a día de hoxe seguen sen cumprir. "Xa adiantou Caride de que o apaño para os contedores soterrados non é viábel e buscarán un modelo alternativo". En canto ao PXOM, o BNG criticou as recentes declaracións do alcalde asegurando que se aprobará e "non será exposto ao público aínda que haxa pelotazos".
Intermodal digna
O vocerio do BNG voltou a incidir na incapacidade do goberno local para exercer presión ao goberno do Estado. "Democracia Ourensana tiña un posicionamento totalmente diferente ao actual e nós démoslle a oportunidade de que se paralizaran as obras e reclamarlle ao goberno de Madrid unha Intermodal de calidade" sinalou Seara.
Retranca para as "accións estrela" do goberno
O grupo municipal do BNG empregou a retranca para falar das "accións estrelas" do goberno municipal. A primeira de todas foi a loitas contra os estorniños "provocando que estes se desprazaran dende o Pabellón ao outro lado da cidade, cara o Campus". No tocante á subasta dos coches oficiais e o uso do transporte público e o taxi véno positivo de non ser porque "todos os días está o coche do alcalde ao lado do concello, entenderíamolo se vivira a 3 quilómetros pero vive a 300 metros" apuntou Seara. E no plan integral de limpeza cualificou a medida como "algo cosmético", visíbel pero que carece de repercusións positivas porque "o rural segue estando abandonado e hai veciñas que teñen que limpar os seus barrios e zonas".