Segundo o BNG, outro dos proxectos estrela de Jácome, o programa de chamadas a persoas maiores, fai augas
Segundo a información dos nacionalistas, as empresas inicialmente contratadas e as cales non tiñan ningún tipo de vinculación co ámbito dos servizos sociais e nin tan sequera estaban inscritas no rexistro da Xunta, veñen de renunciar
Ourense, 30 de xaneiro de 2023. Ao inicio do mandato o actual rexedor, anunciou como un dos seus proxectos estrela o programa de acompañamento presencial e telefónico a persoas maiores. O certo é que transcorridos tres anos de mandato e pese a importancia que o Goberno local dicía darlle ao mesmo, non se fixo absolutamente nada, sendo nos últimos meses cando se iniciaron os trámites para a súa posta en marcha.
Pero como ben sendo habitual desde que Jácome é alcalde, e tal e como afirma o Portavoz e candidato á alcaldía Luís Seara, “a propaganda e os anuncios grandilocuentes son a tónica habitual, mais cando hai que executar e implementar, aí, o Goberno Local fai augas por todas partes”.
Seara fai referencia ao procedemento seguido para a contratación do programa de acompañamento presencial e telefónico a persoas da terceira idade que vivan soas, segundo a concelleira nacionalista “en todo o procedemento obviouse aos técnicos municipais de Servizos Sociais e comezouse a casa polo tellado xa que o primeiro que habería que ter feito é darlle publicidade ao programa para que as persoas interesadas se adheriran ao mesmo e a partir de aí, e unha vez coñecida a demanda existente, s elaborar os pregos e sacar a licitación a prestación do programa”.
Pero o certo é que como en outras tantas ocasións, o Goberno Local optou polo troceamento do programa en dous contratos menores e evitar deste xeito a súa saída a concurso público. A maiores, o BNG denuncia que tal e como se desprende da información das empresas asinantes de ditos contratos, estas non tiñan nigún tipo de experiencia e vinculación co sector dos servizos sociais como tampouco estaban dadas de alta no rexistro da Xunta de Galiza.
Para Seara, “estas eivas, unidas á críticas recibidas, fixeron que as empresas renunciaran aos contratos e polo tanto á prestación do programa polo que este alomenos de momento e a escasos catro meses das eleccións, non se vai implementar”. Luís Seara conclúe afirmando que “estamos diante doutro dos proxectos estrela de Jacome que fai augas por todas partes”.