O BNG pide no Parlamento galego medidas para frear as incursións de xabaríl na cidade de Ourense

Iago Tabarés e Luís Seara en rolda de prensa

A formación nacionalista instará ao Executivo galego a adopción de medidas dirixidas a evitar a crecente presenza da porcos bravos nas rúas de Ourense co risco que iso provoca na seguridade viaria e cidadá

O BNG pide no Parlamento galego medidas para frear as incursións de xabaríl na cidade de Ourense

Ourense, 30 de xaneiro de 2023. Segundo argumenta o Grupo Parlamentar do BNG na iniciativa que ven de rexistrar no Pazo do Hórreo, hai anos que o incremento incontrolado da poboación de xabaríl en Galiza esta a provocar importantes e cuantiosos danos, principalmente materiais, mais tamén persoais derivados estes, fundamentalmente, da súbita irrupción do animal nas vías de circulación, xa sexan en autoestradas, nacionais, locais ou comarcais.

Segundo aprecia o deputado por Ourense e impulsor da iniciativa Iago Tabarés, “o incremento da poboación de xabarín é tal que a súa presenza nas rúas de Ourense empeza a ser tan habitual que a veciñanza xa fala de praga”, e engade, “os barrios de Covadonga, O Vinteún e mesmo A Ponte foron obxecto das primeiras visitas de exemplares de porco bravo, primeiro, e logo xa de piaras. Posteriormente, tanto nos barrios do O Couto, como nos do Piñeiral e Mariñamansa a presenza do xabarín comenza a ser habitual”.

Ante esta situación e a ausencia de medida algunha para evitar a proliferación da presenza do referido animal salvaxe na cidade de Ourense levou a que, segundo Tabarés, “non sexan infrecuentes os episodios dun xabarín paseando polo centro da cidade, parque de San Lázaro, rúa do Paseo ou Xoán XXIII, isto é, polas rúas de maior tránsito cidadá”.

Tal e como sinalan no BNG, axentes dos corpos e forzas de seguridade recoñecen que a presenza do xabarín constitúe un problema de seguridade cidadá, pois en moitos casos trátase de animais de gran tamaño con dentes afiados, que poderían atacar a calquera viandante ou mesmo provocar un problema sanitario, situación que felizmente non consta se producira, mais que cómpre previr.

E por iso que desde o Grupo parlamentar do BNG solicitanlle á Xunta de Galiza información sobre se ten cuantificados os casos de presenza de xabaríns dentro do Concello de Ourense durante os últimos doce meses, se desde o Goberno galego se considera que a proliferación do xabarín dentro do Concello de Ourense ademais de supor un risco para a seguridade viaria constitúe un perigo de seguridade cidadá así como para saber cal é a razón do incremento da presenza do xabarín no casco urbano e mesmo nas rúas máis céntricas e transitadas

Por último, no BNG queren saber cal son as medidas que implantou ou ten previsto implantar a Xunta de Galiza para evitar a reiteración deste tipo de irrupcións de xabaríns nas rúas de Ourense.

Responsabilidade municipal.

A nivel municipal, o Portavoz e candidato á alcaldía Luís Seara, pídelle a Jácome que non bote balóns fóra e asuma a súa responsabilidade xa que tal e como lembra Seara, “Jácome cando estaba na oposición criticou duramente ao goberno popular de entón por ocultarlle información á oposición e por minimizar o perigo real que supuñan xa daquelas as incursións dos xabaríns”.

Luís Seara afirma que “entón, o agora alcalde, dicía que non tomar medidas sería unha temeridade máis e instaba ao goberno do PP a tomar medidas dicindo que non era un asunto menor. Agora, pola contra, descarga toda a responsabilidade na Xunta de Galiza e como noutras tantas ocasións, ponse de perfil”.

O BNG pide no Parlamento galego medidas para frear as incursións de xabaríl na cidade de Ourense