Stop xenocidio en Palestina, concentración luns ás 20.00h Praza do Ferro

Stop xenocidio en Palestina, concentración luns ás 20.00h Praza do Ferro

A faixa de Gaza é un estreito territorio de 40 km. de lonxitude e 6 a 12 de largura, onde residen 1,7 millóns de persoas. É, a todos os efectos, un campo de concentración administrado polo rexime sionista de Israel, onde as persoas non teñen permitida a liberdade de movementos e son sometidas a unha situación de pobreza imposta desde o exterior.

Palestina

Desde que desapareceran 3 adolescentes israelitas que posteriormente foron encontrados mortos (un crime que o estado sionista se nega a esclarecer), a poboación palestina sofre un cruel castigo colectivo programado moito antes do asesinato dos tres colonos hebreus:

. vítima en Cisxordania de detencións masivas, batidas policiais, secuestro, tortura e asasinatos –entre eles 15 de adolecentes-.

. vítima en Gaza do continuo ataque aéreo que provoca decenas de mortes (… crianzas), a destrución de casas e infraestruturas penosamente reconstruídas, a contaminación da terra e a auga,…

. vítimas no interior do estado de Israel de raids xenófobos organizados por fundamentalistas hebreus que actúan alentados pola indiferenza da cidadania e a complicidade das autoridades.

Os medios internacionais de comunicación, en mans de oligarquías pró-sionistas, apresentan o masacre como un escenario bélico. Mais nen Gaza nen o conxunto da Palestina posúe exército, mariña nen forza aérea, mentres que Israel, armado polos Estados Unidos e con axuda da Unión Europea, é hoxe a cuarta potencia militar mundial.

Marxe Protectora chama o estado de Israel a esta operación de castigo colectivo e limpeza étnica para a que xa foron convocados 40.000 reservistas en medio a unha onda de exaltación sionista. Un crime de lesa humanidade que pola intención supremacista e despiadada, a mortífera capacidade bélica, a cobiza expansionista e as potenciais consecuencias, trae á memoria aqueles raids nazis e aquela reclamación de fronteiras seguras e espazo vital para a superior raza aria que, coa indiferenza cómplice de amplos sectores cidadáns e numerosos países ocidentais, converteron a Alemaña de 1933 no estado canalla e xenocida que provocou unha das piores catástrofes históricas.

Desde a Galiza non podemos permanecer impasíbeis diante deste novo crime, non só ético, senon mesmo á luz de todos os conceitos do direito internacional. A situación da nosa nación aproxímanos necesariamente máis á dor da Palestina e a necesidade de os pobos poderen exercer a súa autodeterminación, posuíren un territorio que non sexa constantemente violado e se desenvolveren economicamente en función dos seus proprios intereses colectivos e non en base a intereses alleos de carácter imperialista. É por todo isto que facemos un chamado á solidariedade activa e a apoiar a campaña internacional de boicote, desinvestimentos e sancións contra Israel.

Non aos bombardeos sionistas contra Gaza

Non á ocupación criminal da Palestina

Liberdade para os Povos!

Palestina Vencerá!

Stop xenocidio en Palestina, concentración luns ás 20.00h Praza do Ferro