Campaña de promoción do Entroido
A Concellería de Turismo vén de presentar no marco de Xantar a campaña O entroido pasa por Ourense para a promoción turística da cidade. O lema tal e como explicaba a Concelleira de Turismo Isabel Pérez está orientado a facer de Ourense a lanzadeira aos diferentes entroidos da provincia, xa que como explicou a concelleira Ourense está situada no centro dese triángulo máxico que conforman Laza, Xinzo e Verín e debe aproveitarse da súa situación estratéxica, por capacidade hoteleira e de servizos, difundindo tamén a nosa festa, que é envidiable.
Tal e como explicaba a dirixente nacionalista, Isabel Pérez, durante a presentación notamos que a aposta por estas iniciativas recolle froitos, xa que este ano acadamos máis participación que nunca, con 6 hoteis, 18 restaurantes con menús especiais do Entroido ao que se suma a oferta das nosas instalacións termais.
Así como a do balneario Laias- Caldaria que lanza unha oferta xove (18-35 anos) cun paquete de aloxamento + almorzo +circuito termal por tan só 45 por persona e noite. Nesta liña amosou a súa confianza en que nesta edición manteñamos ou mesmo superemos as cifras do ano pasado, nun Entroido que se saldou cun 80% de ocupación hoteleira.
Isabel Pérez: 'este ano acadamos máis participación que nunca'
Os folletos promocionais, dos que se editarán e distribuirán máis de 5.000 exemplares, recollen ofertas de noites de hotel en 6 establecementos da cidade e provincia de diversas categorías, propostas de menús especiais cunha oferta variada e a prezos competitivos, unha proposta completa e atractiva.
No tocante ás vías de promoción da campaña, os esforzos concentraránse nas cidades galegas de Santiago e Vigo, onde os días 9 e 10 de febreiro faráse promoción na rúa, con reparto de folletos promocionais e orellas de Entroido. Así mesmo, instalaránse valados informativos nas principais entradas da cidade, desde a provincia, Pontevedra e Norte de Portugal.
Ourense, 2 de febreiro de 2012