A Favor dunha xestión ecolóxica e sustentábel do lixo
Texto íntegro da moción:
A pesar da crise actual, en 2011 xeráronse en Galiza case 1,2 millóns de toneladas de residuos urbanos, que foron obxecto de tratamento nalgún dos tres modelos existentes no noso país: SOGAMA, NOSTIÁN e BARBANZA. Estes residuos conteñen cantidades importantes de recursos e o seu aproveitamento pode xerar moitos empregos.
Non obstante, entre os anos 2009 e 2011 caeron as porcentaxes de recollida selectiva e reciclaxe de vidro e de papel. Globalmente, a reciclaxe baixou até as 120.000 toneladas en 2011, o que supón o 10,5% do lixo xerado. Isto causa grandes perdas ecolóxicas e económicas. Mais non ten porque ser así, como vén demostrando ano tras ano o plan comarcal de reciclaxe e compostaxe da BARBANZA. Na Barbanza reciclan o 45% do lixo fronte ao 8% do ámbito SOGAMA, e xeran 10 veces máis emprego que no ámbito SOGAMA. Na recollida selectiva, reciclaxe e compostaxe, traballan na Barbanza entre 140 e 150 persoas. Traducido isto a nivel galego, teriamos uns 5.000 empregos, que doutra forma se perden na súa maioría. A implantación de proxectos comarcais de reciclaxe e compostaxe permitiría criar 3.000 empregos adicionais aos que ofrece o modelo incinerador de SOGAMA.
Os residuos de envases atinxen un 40% do lixo xerado, medio millón de toneladas en Galiza, dos que só se recuperan no ámbito SOGAMA o 15%. Ecoembes e a Xunta impuxeron aos concellos o modelo de recollida da bolsa e contedor amarelos para os residuos de envases. Un modelo que non está a funcionar e que permite a Ecoembes furtar aos concellos galegos a maior parte do financiamento que por lei debería achegar. Así, os concellos galegos seguen correndo cos gastos de recollida e tratamento do 85% destes residuos de envases, un custo que non lles corresponde sufragar.
Todo isto é indicativo do fracaso da actual política da Xunta de Galiza nesta cuestión, que nin resolveu os problemas de financiamento dos servizos de xestión de residuos, nin permitiu os mínimos avances ecolóxicos. A Xunta vén de modificar o plan de xestión PXRUG 2010-2011, mais non para avanzar na xestión ecolóxica do lixo e na sustentabilidade económica da mesma, senón para facilitar a instalación dunha nova incineradora en Cerceda, unha vez abortado o seu proxecto para O Irixo, a que ten previsto financiar con 218 millóns de euros. Mais custos para os concellos e menos empregos.
Neste contexto, está en tramitación una Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) co obxectivo de promulgar unha lei para a aplicación efectiva dos principios de redución, reutilización e reciclaxe de residuos en Galiza. Na situación descrita, a instalación dunha nova incineradora é incompatíbel co obxectivo de redución do 10% e reutilización e reciclado do 50% dos residuos domésticos que fixa a normativa legal en vigor. E hoxe máis que nunca debe terse en conta que a incineración preséntase como a alternativa máis custosa, pero a que menos emprego permite crear (entre 5 e 10 veces menos que a reciclaxe e compostaxe).
Que a Xunta de Galiza abandone a idea de construír unha nova incineradora de residuos urbanos no noso país e que destine os fondos previstos a financiar proxectos comarcais de reciclaxe e compostaxe; ou que o Goberno galego financie prioritariamente actuacións de recollida selectiva, acompañado de educación ambiental e implantación da compostaxe doméstica e comunitaria, contribuirá a que Galiza incremente a reciclaxe en máis de 300.000 toneladas, evitará unha nova planta centralizada de residuos e acadará até 3.000 empregos novos., distribuídos de forma xusta e solidaria.
Por todo isto, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación municipal a adopción do seguinte
ACORDO
1.Manifestar o apoio á tramitación da proposición de lei para a aplicación efectiva dos principios de redución, reutilización e reciclaxe de residuos en Galiza, actualmente en tramitación.
2.Solicitar o abandono por parte da Xunta da idea de construír unha nova incineradora de residuos urbanos en Galiza.
3.Solicitar que a Xunta destine os fondos previstos para a incineradora ao financiamento de proxectos comarcais de reciclaxe e compostaxe, que permitan a creación de emprego nas diferentes localidades e alcanzar os obxectivos de recollida selectiva e reciclaxe das sociedades avanzadas.
4.O Concello de Ourense manterá a súa aposta pola integración das persoas con discapacidade intelectual no servizo de recollida selectiva e porta a porta, regulamentado a través dun convenio específico.
Ourense, 31 de xaneiro de 2013