Un dos libros clave da literatura galega
Logo dun ano de éxitos, a obra que foi estreada en Santiago de Compostela, chega a Ourense tras iniciar a súa segunda temporada. Será o día 10 no Auditorio Municipal e as entradas terán un custe de 8 .
Isabel Pérez, tivo palabras de recoñecemento para esta obra que foi publicada en Bos Aires, no ano 1961, Memorias dun neno labrego é un dos libros clave da literatura galega, onde gran parte da sociedade galega viuse reflexada a través desta obra. A concelleira nacionalista, felicitou por outra banda a unha figura representativa como Cándido Pazó por este espectáculo emotivo e divertido que combina a experiencia do autor, que tamén é actor e director.
Pola súa Banda, Cándido Pazó, destacou a importancia de apoiar este tipo de proxectos que valorizan a nosa cultura, sobre todo cando estamos a caer nunha dinámica actual na que estas manifestacións só acaban sendo rentables para as grandes figuras televisivas. É positivo que, dentro do contexto económico actual, busquemos novas formas de colaboración para seguir apoiando este tipo de creacións cunha alta calidade.
Memorias dun neno labrego, xa estivo presente en máis de 60 escenarios, e en catro países. A obra mistura textos da novela de Neira Vilas con materiais da tradición oral e da memoria colectiva, combinando humor e emoción, evocación e anécdota, elaboración e improvisación. Un dinamismo que fará disfrutar coa súa posta en escea con traballos de videocreación, combinado cunha elaborada iluminación.
Ourense, 6 de febreiro de 2012