Nova edición da andaina Ourense Capital Termal
O domingo 4 de marzo Ourense será escenario da andaina Ourense Capital Termal. Con esta edición, que é a novena, iníciase o calendario de andainas, xa que é a primeira do ano. Así o explicou esta mañá o Concelleiro de Deportes, Fernando Varela, quen destacou que neste tempo de recortes, para nós é importante seguir a fomentar actividades que son saudábeis para as persoas.
A proba está organizada pola Concellaría de Deportes e o Clube Ourensano de Cultura e Ocio (CUCO). A presentación tivo lugar esta mañá no Salón de Plenos coa presenza, ademáis do nacionalista Fernando Varela, de José Willy García Calvo, director da proba, Manuel Mosquera, Xerente do CMD e José Ramón Pérez Nieto, do Grupo Pérez Rumbao, patrocinador da andaina.
O percorrido desta IX edición será de 28 quilómetros e descorrerá pola beira dos ríos Miño e Loña, atravesando lugares emblemáticos da cidade como son o Castro de Santomé, o Camiño de Santiago (Vía da Prata) ao seu paso por Cudeiro e Sartédigos, e fundamentalmente pola zona termal do Río Miño, polas termas do Muíño e de Outaríz. Tal e como explicou Fernando Varela aparte de apoiar estilos de vida saudábeis, pomos en valor as nosas zonas e o noso patrimonio. O Concelleiro nacionalista, tamén tivo palabras de agradecemento para todas as persoas que fan posible o desenvolvemento da andaina, traballadores, patrocinadores así como outras concellarías coma transportes e limpeza que fan posíble que todo decorra con total normalidade.
Willy García comentou cuestións técnicas que rodean a esta edición. A inscrición ten un custe de 7 , e poderase facer entre os días 13 de febreiro e o 3 de marzo no Pavillón dos Remedios, o nas oficinas de Nova Galicia Banco e La Caixa. Co comprobante do pagamento, realizarase a inscrición no propio Pavillón dos Remedios ou en Deportes Redonet.
Non é unha proba competitiva, é unha proba participativa, polo que o director anima a todo o público maior de 16 anos a apuntarse a esta edición. Ademáis o porcentaxe de baixas e lesións é moi reducido. O pasado ano, 482 persoas participaron na andaina que ten un límite de 500 participantes. En definitiva un día para as persoas que desfruten de camiñar e da fermosa contorna do perímetro rural da cidade.
Ourense, 8 de febreiro