"O BNG apoiará en Madrid a un goberno que reverta os recortes do PP"
Noa Presas, número un da candidatura ao Congreso do BNG por Ourense, avanzou esta mañá no Barco de Valdeorras que o BNG apoiará en Madrid a un goberno que reverta os recortes do PP no ámbito sanitario e que se comprometa a mellorar o servizo a través da contratación de máis médicos, máis enfermeiros, máis persoal e o faga en condicións dignas para que se preste un servizo digno. Presas fixo estas declaracións nunha rolda de prensa ás portas do Hospital do Barco despois de manter unha reunión coa xunta de persoal do centro, en compañía de Daniel Calvo, Sofía Carril e Xesús Vilasánchez, membros das candidaturas do BNG, así como o responsable comarcal do partido, Manuel Agra.
A candidata nacionalista denunciou que o deterioro da sanidade pública en Ourense é unha estratexia dirixida a destruír o servizo público e deixar sitio á sanidade privada e sinalou que na provincia hai responsables directos, como Eloína Núñez (xerente dos hospitais do Barco, Verín e Ourense). Como exemplos do deterioro dos servizos, Presas sinalou catro situacións: unhas listas de espera cada vez máis grosas e con tempos máis longos, o peche de camas en determinadas épocas do ano, a intención de implantar unha liña fría para eliminar o servizo do comedor, e a precarización continua das condicións laborais do persoal. Noa Presas considera urxente atopar solucións para reducir as listas de espera porque, lembrou, so na Área de Ourense xa hai máis de 1.600 pacientes que terán que agardar entre seis meses e un ano. Ourense, 3 de xuño de 2016