O BNG pide información sobre o acceso de vehículos á Praza Maior na rodaxe do filme A Esmorga
Nestes días comezou en Ourense a gravación do filme A Esmorga, un proxecto que levará a cidade de Ourense e unha das súas máis destacadas figuras literarias á gran pantalla, algo bo para a cidade e para a nosa cultura.
Esta gravación, que iniciou na contorna da Praza Maior trae as habituais complicacións de tráfico asumíbeis pola cidadanía, mas o mércores 12 de febreiro houbo vehículos aparcados na Praza Maior dende primeira hora da mañá a última hora da noite nun espazo que debera ser de especial protección por parte das autoridades municipais.
O BNG rexistrou hoxe unha serie de preguntas dirixidas á alcaldía para coñecer cales foron os criterios empregados para dar acceso aos vehículos pois alén dos de carácter técnico imprescindíbeis para a rodaxe numerosos vehículos particulares ocuparon un espazo que non é para o aparcamento durante todo o día.
Nos últimos meses o Concello de Ourense ven modificando ordenanzas e taxas para adecuar o acceso á zona histórica á recomendación das veciñas e durante eses debates se ten manifestada a necesidade de protección do espazo que estes días parece non importar ás autoridades, en palabas de Ximena González non se pode decir que darlle acceso a quen vive no centro é pretender encher a zona histórica de circulación e logo permitir que coches aparcados durante todo o día na Praza Maior.
As nacionalistas queren saber cales foron os criterios e os horarios permitidos pois indican Ximena González que non falamos dos camións e dos vehículos técnicos necesarios para rodar, falamos de todos eses que seguían aparcados na Praza Maior ás oito da noite cando xa ninguén rodaba.
O BNG espera que dende o goberno municipal se aclaren os criterios de acceso e se xustifique a necesidade de permitir o acceso de aparcamento todos os vehículos que o fixeron.
[ PR 13-02-14 Permisos de entrada e aparcamento na praza maior ]
Ourense, 13 de febreiro de 2014