O Concello de Ourense debe pór en marcha políticas contra os desafiuzamentos
O Grupo Municipal do BNG ven de solicitar a través da Xunta de Área de Benestar Social e do rexistro a convocatoria da Comisión sobre Desafiuzamentos creada no marco do Pacto Cívico a instancias do bloque en decembro de 2012 no Concello de Ourense.
Pasou máis de un ano e o goberno da cidade foi incapaz de articular unha resposta efectiva ante un problema social que non deixa de crecer en Galiza e en Ourense. A Plataforma Stop Desafiuzamentos Ourense denunciaba estes días un caso de emerxencia social que reflicte unha situación ante a cal as institucións son incapaces de dar resposta e solucións.
O BNG solicita a convocatoria da Comisión de Desafiuzamentos que é o marco que existe actualmente no Concello de interlocución entre a Plataforma, as afectadas, as entidades que traballan en torno a esta cuestión e os grupos políticos. A concelleira Ximena González pide ao goberno de Ourense implicación, este e outros temas deben ser prioridade e pregúntase onde estan as vivendas sociais municipais? Que recursos ten o Concello para facer fronte ao desleixo da Xunta de Galiza en materia de vivenda? A política de vivenda de Feijóo sabemos cal é, e sabemos que temos que buscar solucións dende outras institucións, o Concello ten que ter solucións locais. Mentres esperamos pola Xunta unha muller e dous menores durmen baixo un teito grazas á solidariedade dos movementos sociais
As políticas do Partido Popular baseadas no empobrecemento das persoas con menos recursos e o rescate da Banca e beneficios das corporacións ten a súa face máis cruda cando se acaban as axudas sociais. É nese momento cando calquera persoa se pode ver na situación de desamparo e o Concello de Ourense non pode mirar para outro lado.
O BNG tamén lémbralle ao Alcalde de Ourense que nos orzamentos de 2014 é imprescindíbel que o Concello defina unha partida orzamentaria específica para a facer fronte a casos como o que recentemente denuncia a Plataforma Stop desafiuzamentos e outros, vivimos nun estado de emerxencia, hai que pór os recursos onde máis falta fan, acabáronse as políticas do ladrillo e o cemento, moitas defendemos sempre que a prioridade deben ser as persoas, outras terán que comezar a defendelo ou a sociedade encargarase de lembrarllo, non hai máis que ver o que esta a pasar en Burgos sinala Ximena González.
O BNG quere agradecer públicamente a labor da Plataforma Stop Desafiuzamentos Ourense e amosarlle o seu apoio así como a disposición a colaborar con elas en todo o que a Plataforma considere.
Ourense, 13 de xaneiro de 2014