Non permitiremos emprego precario financiado con cartos do concello

Non permitiremos emprego precario financiado con cartos do concello

A través dun Observatorio Local das Condicións Laborais, no que participarían organizacións sindicais e empresariais así como representantes de todos os grupos políticos, o BNG-Asembleas Abertas propón inspeccionar as condicións laborais das actividades que conten con financiamento municipal ou que sexan obxecto de contratación pública do Concello, incluíddas as concesionarias de servizos municipais.

IMG_4182

A candidata á alcaldía, Susana García, apuntou que “este Observatorio será o encargado de supervisar o cumprimento das cláusulas sociais coas que se garante o emprego estábel e en condicións dignas coa prohibición de subcontratacións a través de empresas de traballo temporal, limitación de horas extras ou subrogación do persoal”.

Para o BNG-Asembleas Abertas, o emprego é unha prioridade e non debemos deixarnos enganar pola estratexia propagandística do PP que nos vende o descenso do paro no mes de abril. Afirmaba Noa Presa, candidata nº 2, que a reducción do paro que ocupa os titulares “obedece a emprego temporal que se debe, por unha banda, ao aumento das contratacións no sector servizos durante a Semana Santa e, por outra, á estratexia electoral polas obras que fan os concellos en época de eleccións ou contratacións de persoas perceptoras da RISGA que van ser contratadas durante 6 meses”. Sabemos que 40 destas persoas van deixar de figurar nas listas do desemprego para desenvolver actividades en diferentes servizos e instalacións municipais.

A maioría das contratacións son emprego temporal e a tempo parcial, un parche e non unha solución real para paliar a grave situación que atravesan aínda 27.200 ourensás e ourensáns.

Hoxe simbolizamos con maletas a única saída que nos ofertan os gobernos do Partido Popular, a emigración, pero dende o BNG-Asembleas Abertas temos propostas reais para avanzarmos na creacion de emprego, cremos que debe ser unha prioridade nacional e por isto poremos os recursos necesarios dende o Concello de Ourense para paliar esta dramática situación.

Non permitiremos emprego precario financiado con cartos do concello