O BNG alegou contra a inclusión no PXOM dos ámbitos privados da ordenación provisional
A inclusión no PXOM de 21 proxectos de edificación residencial non executados que corresponden a convenios urbanísticos e desenvolvementos do Plan anulado de 2003 e que forman parte da ordenación provisional, aprobada pola Xunta en outubro de 2011, condicionan, segundo o BNG, o futuro desenvolvemento da cidade. Xosé Somoza, voceiro municipal explica estámonos referindo, por exemplo, as torres planificadas na Chavasqueira, as torres da Área de Reparto 43 N, as torres do Polvorín, as torres da Farixa, as torres da Área de Reparto 39 E en Mariñanmansa, etc.
De feito estes proxectos, que de realizarse suporían a construción de case 4.000 vivendas, presentan unha densidade edificativa moito maior que os ámbitos de crecemento residencial que propón o novo PXOM, e incluso das alturas normativas que este documento pretende establecer no entramado urbano xa edificado, e que deixan fora de ordenación parcial centos de pisos nas principais rúas da cidade.
Este problema dos fóra de ordenación parcial pode quedar solucionado de aceptar o equipo redactor a alegación proposta polo BNG, pero o que non entenden as nacionalistas é como o equipo redactor, que propón un modelo de cidade non excesivamente densificado, deixa introducir, vía ordenación provisional, decenas de torres de viviendas de máis de dez alturas di Xosé Somza.
O BNG alegará contra a inclusión desas pezas urbanísticas no PXOM en revisión cunhas características de desenvolvemento que non se poden equiparar co resto das propostas.
Deste xeito, reducindo a capacidade residencial dos ámbitos privados da ordenación provisional, o crecemento edificativo que propoña o PXOM poderá incrementarse nos núcleos da periferia rural da cidade, aproximadamente un 50% como propón o BNG, e poderanse definir novos polígonos de solo urbano delimitado de edificación residencial que equilibren xeográficamente os posibles crecementos residencias en Ourense, na proposta actual demasiado concentrados na Ronda Boulevard no límite co concello de Barbadás.
Ourense, 14 de febreiro de 2014