O cambio de proxecto e o retraso na entrada do AVE poden demorar a aprobación do PXOM
A posibilidade de que o Ministerio de Fomento desbote a variante leste e faga entrar o AVE pola vía actual foi denunciado hoxe polo BNG. O portavoz nacionalista no Concello de Ourense, Xosé Somoza, acusou ao goberno do PP de enganar aos cidadáns de Ourense e advertiu ademais do grave risco que corre a aprobación definitiva do PXOM se o tren de alta velocidade non entra polo trazado que xa fora aprobado, a chamada variante leste.
Esto suporía unha traba máis para o desenvolvemento socioeconómico da cidade de Ourense algo do que xa alertaron hai unhos dende a Confederación de Empresarios.
Pola súa banda, a deputada Olaia Fernández Davila explicou que manter o trazado da vía actual suporía non só demorar a chegada do AVE senon tamén incrementar os tempos dado que o tren acadaría como máximo unha velocidade de 110 km/hora.
Fernández Davila criticou a actitude do PP no Congreso dos Deputados que nunha emenda á proposta de resolución presentada polos nacionalistas trataba de dilatar no tempo o remate desta infraestrutura ao pedir que Fomento mantivera xuntanzas cos gobernos locais e autonómicos para buscar a mellor solución.
A deputada do BNG esixiu que o goberno central cumpra o que prometeu durante a campaña e que fixaba como data de chegada do AVE a Ourense o ano 2018. Porén, estes cambios no proxecto e estas propostas de seguir a falar con outras administracións poden levar a finalización das obras ao ano 2022.
O BNG entende que Galiza non se pode permitir máis retrasos dos xa sufridos con respecto ao resto do Estado si ademais temos en conta que o ferrocarril está demostrando ser, nestes momentos, o medio de comunicación máis eficaz dende o punto de vista económico, ecolóxico e de seguridade o que suporía un pulo para o desenvolvemento do País.
Ourense, 4 de marzo de 2013
Asdo.: Grupo Municipal BNG Ourense