A xestión ecolóxica e sustentábel do lixo tamén como oportunidade de emprego
O BNG reclamará no pleno compromisos do goberno para manter a aposta pola integración das persoas con discapacidade intelectual no servizo de recollida selectiva e porta a porta, regulamentado a través dun convenio específico.
O Grupo Municipal do BNG pedirá no vindeiro pleno o acordo da corporación para instar á Xunta de Galiza a abandonar a idea de construír unha incineradora na Galiza e a destinar os fondos previstos para a incineradora ao financiamento de proxectos comarcais de reciclaxe e compostaxe que permitan a creación de emprego nas diferentes localidades.
A pesar da crise actual, en 2011 xeráronse en Galiza case 1,2 millóns de toneladas de residuos urbanos, que foron obxecto de tratamento nalgún dos tres modelos existentes no noso país: SOGAMA, NOSTIÁN e BARBANZA. Estes residuos conteñen cantidades importantes de recursos e o seu aproveitamento pode xerar moitos empregos. Para o BNG o emprego debe ser unha prioridade da acción política e unha xestión ecolóxica e sustentábel do lixo é tamén unha oportunidade de xerar e dinamizar o emrpego na cidade e provincia.
No Concello de Ourense, ademáis, a recollida selectiva e o porta a porta foi unha oportunidade para apostar polo emprego das persoas con discapacidade intelectual e o BNG entende que esta aposta debe continuar e o Concello debe manter e incrementar as posibilidades de empregabilidade neste sector apostando por estas persoas. Por isto, o BNG reclamará un convenio específico que permita regular neste sentido o servizo de recollida selectiva de lixo e o porta a porta.
[ Texto íntegro da moción A Favor dunha xestión ecolóxica e sustentábel do lixo ]
Ourense, 31 de xaneiro de 2013