As condicións do BNG para apoiar os orzamentos municipais

As condicións do BNG para apoiar os orzamentos municipais

A 15 de xaneiro de 2013 o BNG non ten coñecemento da existencia dunha proposta de orzamentos por parte do Goberno. O alcalde afirmou que gobernaría en minoría, e así o está facendo cos concelleiros e concelleiras do seu grupo, polo que non nos valen as escusas para non ter presentados uns orzamentos en tempo e forma. Precisamos saber se o alcalde merece a confianza que depositamos nel cando apoiamos a súa investidura.

.

A vontade do BNG é a de traballar no proceso de emendas do borrador dos orzamentos para que máis pronto que tarde Ourense teña aprobados os seus orzamentos para 2013, mas tamén temos claro que para que o BNG apoie estos orzamentos deben de verificarse unha serie de premisas:

- É imprescindibel que nos orzamentos se defina con claridade unha aposta decidida por xerar emprego e polo fomento das iniciativas empresariais que desenvolvan recursos locais, tendo no termalismo o eixo estruturante da nosa economía urbana. Unha aposta que obrigatoriamente debe traducirse na xeración de emprego.

- O Concello de Ourense debe manter, e nalgúns casos ampliar, o investimento social. Coa crise socioeconómica creada polo neoliberalismo imperante é de vital importancia protexer e axudar as persoas máis necesitadas. Por iso consideramos que na estrutura xeral dos orzamentos debe remarcarse por parte do goberno da cidade a procura dunha maior xustiza social.

- O BNG entende que os orzamentos deben promover a creación dunha cidade integral, unha cidade máis xusta e equitativa, na que todos os seus habitantes disfruten dos mesmos dereitos independentemente do lugar no que residan. Por isto, na xeoreferenciación dos investimentos, na súa localización concreta debense primar unhas áreas respecto doutras xa favorecidas e privilexiadas durante os anos de goberno popular.

- O Concello de Ourense debe deixar claro nos orzamentos á promoción e valorización dos feitos culturais que definen a esta cidade como parte da nosa nación, con actuacións encamiñadas a protexer o patrimonio popular, material e inmaterial, e a difusión e normalización da nosa língua.

- O BNG considera que estas premisas non deben supoñer en ningún caso un sobrecuste que incremente o montante global orzamentado, nun contexto xeneralizado de crise económica. Todo o contrario, o orzamento debe axustarse eliminando gastos superfluos, duplicidades entre as concellerías, gastos protocolarios excesivos ou abusivas campañas publicitarias nos medios de comunicación.

O BNG ten claro que os grupos políticos debemos traballar con responsabilidade para facilitar que a folla de ruta do traballo no Concello, os seus orzamentos, podan estar en marcha canto antes e na mellor das formas posíbeis. Non sería positivo para a cidade que tiveramos que chegar a solucións non desexadas para sacar adiante os orzamentos, mas será o ben da cidade e das veciñas de Ourense a prioridade do BNG neste proceso.

Grupo Municipal do BNG

Xaneiro 2013

As condicións do BNG para apoiar os orzamentos municipais