[ PO XA ] A iniciativa do BNG para a expropiación da área das Burgas acada o acordo do Pleno
O BNG consigue tamén o compromiso de traballar dende o Concello por un Pacto pola Lingua, o apoio á mobilización nacional Pola lingua que nos une o 27 de xaneiro e a bonificación dun 100% na tarifa de autobus para @s desempregad@s.
Este venres 4 de xaneiro tivo lugar o primeiro pleno do 2013 no que o BNG presentou a debate tres propostas de mocións nas que solicitaba: a defensa do galego e apoio da mobilización nacional do 27X, o acordo do pleno para a expropiación do solar das Burgas e desbloquear así o corazón termal da cidade e unha bonificación do 100% para o billete de bus das desempregad@s, entre out@s.
Mentres @s concelleir@s do BNG traballaron con asociacións de veciñas para respaldar e apoiar a expropiación do solar das Burgas (que o propio BNG pediu xa en 2005), coa asociación de comerciantes para facer seguimento da alegación presentada ás ordenanzas fiscais e que saíu aprobada co apoio do BNG, e coas centrais sindicais para aprobar o acordo regulador d@s traballador@s do Concello outros grupos políticos ou non presentaron moción ningunha ou, como o Partido Popular, todo o que teñen que lles ofrecer ás veciñas de Ourense é unha moción para o nomeamento dun cargo honorífico na cidade.
Unha vez máis, por iniciativa do BNG póñense en marcha mecanismos para resolver problemas da cidade e abrir camiños para o crecemento e a promoción económica do sector termal, algo que se conseguirá coa expropiación da área de Ass Burgas que vai permitir atraer investimentos á cidade e crear postos de traballo relacionados cun dos maiores potenciais e fontes de riqueza da cidade: o termalismo. Tamén se consigue grazas ao BNG traballar para paliar, na medida do posíbel, a situación das persoas máis desfavorecidas a través da bonificación do 100% do bus urbano para @s desempregad@s.
Ademáis das mocións dos grupos políticos, foron a debate no primeiro pleno outros temas. Esta é a posición que o BNG mantivo no Pleno, no que respecta a posicións políticas e votación das mocións:
Proposta de suspensión da colaboración institucional do Concello de Ourense coa Deputación Provincial de Ourense no Consorcio do Festival de Cine Independente de Ourense
A proposta levada ao pleno polo grupo de goberno acadou o acordo unánime da corporación municipal. O BNG, no debate, lembrou que a Deputación ten que asumir as débedas que ten co Consorcio e tamén sería conveniente que aclarase que ten pensado facer co persoal que lle corresponde asumir como parte integrante do consorcio. Do mesmo xeito reclamou que o grupo de goberno do concello de Ourense aclare á cidadanía a curto prazo, cales son os seus plans para o festival de cine, se se vai manter e, se é así, con que formato.
Aprobación definitiva do estudo de detalle da UE do PEPRI da zona histórica
É unha moi boa nova para a cidade que este proxecto, posto en marcha dende a área de Vivenda por iniciativa do BNG cando gobernaba, consiga a aprobación definitiva co apoio unánime da corporación municipal pois supón un paso adiante para a recuperación da zona histórica e a súa reactivación económica.
Acordo regulador das condicións de traballo para os empregados públicos do Concello de Ourense e do Consello Municipal de Deportes
O BNG mantivo reunións coa maioría das centrais sindicais que asinaron o acordo regular e que solicitaron apoio para a aprobación do mesmo. No debate no Pleno, o BNG puxo de manifesto que o acordo Regular recolle o apoio maioritario das centrais sindicais con representación no Concello e constitúe a ratificación das traballadoras públicas á negociación levada a cabo coas representantes institucionais. Baseándose nisto, o BNG apoiou a aprobación do acordo regulador mentres Democracia Orensana votou en contra, o Partido Popular se abstivo e o PSOE votou a favor.
Moción do Partido Popular para o nomeamento dun cronista oficial
Esta foi a única proposta política que o Partido Popular achegou ao debate no Pleno Municipal demostrando que esta formación política pouco ou nada ten para ofrecerlles @s veciñ@s da nosa cidade ante a situación que vivimos e que se constata cada día máis dramática (seis persoas fican sen emprego na nosa cidade cada día).
Ante un debate profundamente inoportuno e de nula transcendencia para a vida d@s veciñ@s o BNG lembroulle ao Partido Popular que nin sempre houbo cronista oficial na nosa cidade nin é nestes momentos algo que lle preocupe á cidade de Ourense e que mellor farían as concelleiras do Partido Popular en traballar por achegar debates e propostas de solucións para resolver os múltiples problemas que hoxe existen e que requiren de maior atención que o nomeamento dun cargo honorífico.
O BNG abstívose nesta votación, mentres o Partido Popular votaba a favor, o PSOE en contra e Democracia Orensana se abstiña.
Moción do BNG a prol da lingua galega. [ Ler texto da Moción ]
O episodio máis lamentábel do pleno municipal tivo lugar en torno a esta moción, cando o representante de Democracia Ourensana insultou ás concelleiras do BNG, á propia organización e desprezou a lingua galega con expresións como me la pela ou me la suda lo que el bloque presente. Alén disto, a presentación desta moción foi o momento escollido por varios membros do pleno que se ausentaron durante varios minutos. Parece ser que o tema non era o suficientemente importante como para que permanecesen non seus asentos ou ben se puxeron de acordo para boicotear a súa exposición.
Unha mostra máis do necesario que é a defensa da lingua galega e do traballo de sensibilización que cómpre facer no Concello de Ourense para que se cumpra a normativa referente ao seu uso por parte das representantes públicas.
O BNG aceptou unha emenda do PSOE que reclamaba o cumprimento da ordenanza municipal sobre normalización lingüística (que hoxe non cumpre o propio grupo de goberno polo que se lle reclamou o seu cumprimento) e a moción aprobouse cos votos en contra de Partido Popular de Democracia Ourensana.
Moción do BNG relativa ao estudo de detalle do Plan Especial de As Burgas. [ Ler texto da Moción ]
O BNG, sumando a súa voz á d@s asociación de veciñ@s Carlasca e Anacos da Cidade, presentou a debate unha moción para desbloquear o corazón termal da cidade coa proposta de expropiar a área das Burgas. Proposta que saíu adiante co apoio unánime da corporación municipal e que servirá para resolver un problema que se vén arrastrando dende hai anos sobre unha das zonas que está chamada a ser o centro da actividade e o desenvolvemento da Capital Termal de Galiza.
Será un dos maiores pasos que se dean na nosa cidade para avanzar no desenvolvemento do Plan Especial das Burgas e que permitirá un equipamento termal a escala de cidade da importancia que Ourense merece e necesita.
Moción do BNG para aprobar unha reforma na tarxeta milenio do servizo de autobuses de Ourense. [ Ler texto da Moción ]
A emenda retirada no Pleno Extraordinario para a aprobación das ordenanzas fiscais foi presentada como emenda no primeiro pleno do ano a iniciativa do BNG para, coa maior brevidade posíbel, ter en marcha na cidade unha bonificación do 100% do servizo de transportes para as persoas desempregadas e manter esa mesma bonificación para pensionistas e persoas maiores de 65 anos que acrediten percibir menos do 150% IPREM.
O BNG sacou adiante esta proposta que lles permitirá @s veciñ@s desempregad@s contar cunha bonificación do 100% no servizo de transportes ao longo do 2013, data que, a través dunha emenda aceitada do PSOE, será adaptada polo goberno unha vez realizados os estudos económicos necesarios e técnicos para a realización ou renovación de tarxetas. O BNG solicitou no debate que os estudos sexan inmediatos e un compromiso do goberno para limitar os tempos o máximo posíbel, sinalando que fará seguimento tanto dos estudos como dos tempos no vindeiro pleno de febreiro.
A emenda foi aceitada cos votos a favor de BNG, DO e PSOE e a abstención do PP.
Moción do Psdg-PSOE sobre a paralización do Centro de Interpretación de Parques Naturais de Quintela.
O BNG denunciou no debate desta emenda a constante loita entre PP e PSOE polo seu mutuo desempeño en paralizarse obras mutuamente dependendo o goberno do que fagan parte.
Para o bloque toda vez que o edificio se ten iniciado é fundamental rematar as obras e encher de contido un espazo que lle vai custar @s veciñ@s uns cartos que se poderían ter empregado en investimentos máis produtivos. Neste sentido o BNG presentou varias emendas: A primeira porque, ao existir a sinatura dun convenio asinado a finais do pasado ano (novembro de 2012) o que entendemos que debe reclamar esta corporación municipal é o inmediato cumprimento do compromiso adoptado pola Xunta e o Goberno do Estado para rematar o edificio e dotalo de contido. A segunda emenda vai precisamente neste sentido pois é esperpéntico que esteamos a falar dun edificio de interpretación de parques naturais cando no noso país ningún espazo dos da rede natura ten un plano de xestión de usos e conservación dos seus espazos naturais. Neste sentido, o BNG cre que dotar de contido este edificio debe ser unha prioridade para rematar a súa construción e ese contido ten que contribuír á divulgación e información sobre o valor do noso patrimonio natural e que tanto a divulgación como a información teñen vir da man do fomento da participación social para a conservación destes espazos. Na terceira emenda propomos que a xestión do espazo unha vez rematado sexa de titularidade pública e que se habiliten os mecanismos necesarios para que o Concello poda participar da xestión deste Centro, para o que deberá modificarse no convenio asinado en novembro de 2012 a pretensión de entregar a xestión a mans privadas.
A moción saíu adiante grazas ao apoio do BNG, cos votos en contra do Partido Popular e a abstención de DO.
Rogos e preguntas realizados neste pleno polo BNG aquí