Hai resposta social á reforma do Partido Popular
No día da Folga Xeral o multitudinario apoio á mobilización convacada pola CIG en Ourense confirmou que a reforma laboral do Partido Popular ten unha forte contestación social.
O BNG, que desenvolveu unha intensa campaña para informar sobre a reforma laboral e apoiar a convocatoria de Folga Xeral, sumouse onte á xornada de folga e á manifestación do sindicalismo nacionalista que encheu as rúas de Ourense nunha das maiores convocatorias mobilizadoras da cidade. Responsábeis orgánicos, institucionais e un amplo grupo de militantes do BNG secundaron a convocatoria baixo o lema 'actuemos! é tempo de respostas, o Partido Popular agrede as traballadoras e os traballadores, agrede a Galiza'.
Ao remate da manifestación a responsábel local do BNG, Susana García, destacou o 'éxito' da mobilización e a 'resposta social fronte á reforma do PP' convencida de que 'se non se retira a reforma a clase traballadora seguirá na rúa para reclamar os seus dereitos'. Pola súa parte, a Portavoz Municipal do BNG, Isabel Pérez, destacou que 'o BNG, como a cidadanía de Ourense, saiu ás rúas a manifestarse contra unha reforma laboral que ataca a clase traballadora'.
Ourense non foi excepción e, como no resto de cidades galegas, a afluencia ás manifestacións da CIG foi multitudinaria.