A presión social pode facer posíbel a creación dunha Banca Pública Galega
O Portavoz Nacional do BNG, Guillerme Vázquez, reuníuse esta mañá con representantes sindicais, empresariais e asociacións para explicarlles a proposta nacionalista sobre a creación dunha Banca Pública Galega.
Na presentación do acto, a tenente de alcalde de Ourense, Isabel Pérez, manifestou que o BNG está a levar a cabo unha campaña por todo o País na que se están presentando as propostas e alternativas que se deberían adoptar para saír da crise, entre elas, a creación dunha Banca Pública.
Na súa intervención, o Portavoz Nacional abordou a actual situación económica e financieira que está a tomar unhos derroteiros insostíbeis para a maioría das familias galegas.
Estamos vendo cómo o problema das contas públicas, o déficit e a débeda non se amaña cos recortes sociais.
Apuntaba Guillerme Vázquez que , hoxe mesmo, a prima de risco acadou o teito histórico de 510 puntos básicos, catrocentos puntos máis que cando o goberno de Zapatero inicio a súa política de axutes e recortes o que evidencia que, por este camiño, a situación non vai mellorar.
Debe ser unha decisión política a que obrigue ao Banco Central Europeo a mudar a orientación actual. Non é de recibo que o BCE lle preste á banca cartos ao 1% de xuro e a súa vez éste llo preste aos Estados ao 6%.
As cousas pódense facer de xeito diferente, atallando os problemas colectivamente. A creación dunha Banca Pública Galega é posíbel sempre e cando haxa presión social e presión por parte dos representantes do tecido empresarial do País.
A Banca Pública que precisamos, salientaba o Portavoz Nacional, debe vencellar o aforro a investimentos estratéxicos e de futuro, a saber, a investigación, educación, innovación, etc.
Guillerme Vázquez fixo tamén alusión ao calificativo de antigualla como definiu o Presidente da Xunta a proposta nacionalista sobre a Banca Pública, e manifestou que a proposta non debe ser tan absurda e irracional cando países capitalistas e ricos como Alemaña, Fancia, Suiza e Noruega contan con banca pública.
A preguntas dos asistentes sobre cómo se pon en marcha un banco público, Guillerme Vázquez explicou que, nestes intres e tendo en conta a situación actual, hai dúas vías, a primeira delas é que Novagalicia Banco pase a ser público, controlado pola Xunta e outras institucións públicas do País, e a segunda vía consistiría na posta en marcha dun banco público de nova creación.
Ourense, 16 de maio de 2012.