O pagamento de facturas do Consello Municipal de Deportes redúcese a 30 días
Declración da presidencia do Consello Municipal de Deportes:
Desde a asunción de responsabilidades en materia deportiva polo grupo municipal do BNG, mediante a dirección do Consello Municipal de Deportes (CMD), prestamos un especial interese á recuperación da confianza dos nosos acredores comerciais, a quen consideramos socios estratéxicos e imprescindibles para a prestación de servizos deportivos.
O obxectivo de reducir o volume de crédito comercial converteuse, con máis razón, en prioritario na medida que o estancamento e a recesión económica avanzaban e sometían a dificultades de financiamento e tensións de liquidez aos nosos provedores, maiormente locais.
Entendendo que a credibilidade das nosas relacións comerciais fundaméntase no pronto pagamento das obrigas, deseñáronse prevencións sistemáticas sobre procedementos de contratación e contabilización, fixando como obxectivo factible o prazo de 30 días (desde recepción factura) para atender as obrigas esixibles. Obxectivo que somentes se debería desviar por causas externas e situacións excepcionais.
Estas intervencións permítennos manter un volume de crédito comercial en tramitación contable reducido (41.654,68)1, contar unicamente con débedas comerciais posteriores a 06.03.2012 e non estar sometidos á intervención estatal a través do Mecanismo de financiamento para o pagamento a provedores das entidades locais.
Ourense, 20 de marzo de 2012
Presidencia CMD