Antonia Ferrín e Marisa Crespo reivindicadas como Fillas Predilectas da provincia de Ourense polo BNG

Rhut Reza  e Bernardo Varela
Rhut Reza e Bernardo Varela

Rhut Reza evidenciou e denunciou a falta  de recoñecemento ás mulleres en diversos ámbitos e tamén no institucional. 

Bernardo Varela levará unha moción ao pleno provincial para un recoñecemento xusto das mulleres que valorizan Ourense.

Rhut Reza puxo de manifesto a solidariedade do BNG  coa Marcha Mundial da Mulleres que foron identificadas pola policía durante o acto de repulsa ao feminicidio de Baiona

Antonia Ferrín e Marisa Crespo reivindicadas como Fillas Predilectas da provincia de Ourense polo BNG

Bernardo Varela voceiro do grupo provincial do BNG e Rhut Reza, concelleira do BNG de Ourense, fixeron pública a demanda a prol do xusto recoñecemento institucional das mulleres que valorizan Ourense que o BNG traslada ao  ente provincial, na que o BNG proporá como Fillas Predilectas da provincia a Doutora Antonia Ferrín e a Doutora Marisa Crespo. 

 

 Reza afirmaba que as mulleres a  pesar de levar no mundo o mesmo que resto da humanidade continúan a día de hoxe a ser invisibilizadas en diferentes ámbitos incluído o instiuticional.

 

Desde o Grupo Provincial do Bloque Nacionalista Galego vense demandando reiteradamente que para os recoñecementos de Fillos Predilectos da provincia de Ourense e as medallas de ouro da Deputación se teña en conta o talento das mulleres da Provincia de Ourense, pois esta provincia conta con destacadas mulleres con tantos ou máis méritos que os homes distinguidos polo ente provincial até o momento e merecedoras de ser recoñecidas e galardoadas pola institución, xa for como fillas predilectas da provincia ou mesmo coa medalla de ouro indicaba  Reza. Porén e a pesar das múltiples ocasións nas que o BNG ten demandado en comisións e plenos da Deputación provincial que se teñan en conta figuras femininas que valorizan a nosa provincia, independentemente do seu sexo, para que teñan un recoñecemento á altura dos seus méritos, esta proposta foi reiterativamente desoida.

 

As contribucións de distintas mulleres en diversos campos que cos seus logros contribuíron e contribúen de xeito individual e/ou colectivo a identificar Ourense como cuna de destacadas facedoras é unha realidade innegable, como si ten en algunha ocasión recoñecido pola institución provincial, mais ata onde somos coñecedores ben co Premio Olimpia Valencia (unicamente adicado a mulleres) ou ben co Premio Ourensanía.

 

Existen sen lugar a dúbidas  moitas mulleres e colectivos femininos merecentes das distincións que humildemente propoñemos para as distincións de Fillas Predilectas, indicaba Varela, mais tamén é certo que non foron estas escollidas o chou, senón que na procura de referentes sociais nos ámbitos científicos nos que o papel da muller é cada vez máis representativos, pero que como ben indicaba fai pouco nunha entrevista Ana Fernández destacada oncóloga Alaricana, participante no programa “Conócelas” que procura a busca de vocacións científicas femininas, a realidade sigue a ser que “O maior peso investigador recae nas mulleres, pero non se reflexa nos cargos”. 


 

A visibilidade social que adquire o nomeamento dun fillo predilecto, unha medalla de ouro, ou fillo adoptivo transcende do mero recoñecemento dun persoeiro ilustre para Ourense, senón que tamén xera referentes sociais para a veciñanza, e non só de Ourense, e crea e xera un relato histórico no que mirarnos e vérmonos reflexados e especialmente reflexadas. 

 

Unha destas referentes no campo da ciencia é para o BNG a Doutora Antonia Ferrín Moreiras nada no Carballiño no 1914 e falecida en Santiago de Compostela no 2009, a que foi primeira muller en ler unha tese doutoral sobre astronomía no Estado español, no 1963, tamén a primeira tese que foi defendida sobre a materia na facultade de matemáticas da USC, onde se licenciara e fixera ó tempo a carreira de Maxisterio. Licenciada en Químicas e Farmacia, chegou a ser depurada como mestra no 37, polo réxime franquista. Como primeira astrónoma titulada no Estado e discípula avantaxada de D. Ramón María Aller, os seus principais traballos foron sobre ocultacións estelares, medidas de estrelas dobres e determinación de pasos por dúas verticais. Foi polo tanto profesora na USC, catedrática numeraria de matemáticas na Escola de Maxisterio Santa María de Madrid, ademais de estudante, investigadora, mestra e sobre todo muller nun entorno social onde as mulleres o tiñan aínda moito mais complicado ca hoxe. Mesmo a día de hoxe a Universidade de Vigo concede un premio á igualdade de xénero co seu nome. “Porén o seu nome é un de tantos ignorados pola cidadanía en xeral e obviado até o momento pola Deputación de Ourense, que entendemos debe ser posto en valor, pola vía do seu recoñecemento como filla predilecta a título póstumo dados os seus múltiples méritos e merecementos.” sinalaba o voceiro do grupo provincial 

 

No campo da medicina, un referente de Ourense tamén é a Doutora Marisa Crespo Leiro, nada en Cea en 1961. Referente mundial no ámbito da insuficiencia cardíaca e os transplantes de corazón. Licenciada en Medicina pola Universidade de Santiago de Compostela e Doutorada pola Autónoma de Madrid, xefa do servizo de insuficiencia cardíaca do Hospital Universitario da Coruña, coordina o grupo de investigación de IC avanzada y TC del instituto de Investigación Biomédica da A Coruña (INIBIC), así mesmo é xefa de grupo no CHUAC do Centro de Investigación Biomédica en Red Cardiovascular (CIBERCV) do Instituto da Saúde Carlos III. Leva publicados máis de 250 artigos e foi mestra en distintas Facultades de Medicina. Recoñecida en diferentes ámbitos internacionais e asociacións de cardioloxía, foi coordinadora do Rexistro Europeo de Insuficiencia Cardíaca ata o ano 2016, a doutora Crespo Presidiu a sección de Insuficiencia Cardíaca e Transplante Cardíaco da Sociedade Española de Cardioloxía entre o 2003 e o 2006, foi recoñecida pola Xunta de Galiza coa medalla Castelao e nomeada filla predilecta do seu concello de nacemento. Sinalaou Varela que “entendemos pois que estes méritos e outros que atesoura, xunto coa súa calidade humana e o seu cariño pola terra que a viu nacer, faina merecente do título de filla predilecta da Provincia de Ourense”

Antonia Ferrín e Marisa Crespo reivindicadas como Fillas Predilectas da provincia de Ourense polo BNG