O BNG pediralle á Xunta, vía Parlamento, concreción sobre o anuncio feito a semana pasada polo Presidente Rueda de instalar en Ourense a “Área de Turismo Termal de Galiza”

O deputado por Ourense do BNG Iago Tabarés
O deputado por Ourense do BNG Iago Tabarés

Desde a formación nacionalista lembran que non é a primeira vez que se fai un anuncio similar, pois xa o fixo Núñez Feijoo presidindo a Xunta, sen que houbese concreción posterior do proxecto

No BNG queren que o Executivo galego concrete cal é o cronograma, a estrutura, a ubicación e o orzamento co que vai contar esta nova Área de Turismo Termal

O BNG pediralle á Xunta, vía Parlamento, concreción sobre o anuncio feito a semana pasada polo Presidente Rueda de instalar en Ourense a “Área de Turismo Termal de Galiza”

Ourense, 22 de febreiro de 2023. O Consello da Xunta ven de anunciar a creación da Área de Turismo Termal, integrada na Axencia de Turismo de Galicia, co obxectivo principal de, “a proxección exterior de Galiza como referente no termalismo, potenciando a posta en valor turístico dos recursos naturais e culturais vencellados ao termalismo, estruturando a ofertas, os recursos e os servizos para reforzar a condición de Galiza como destino termal”.

Mais, unha das cuestións que máis chamou a atención do Grupo Parlamentar do BNG no Pazo do Hórreo, tal e como afirma o deputado por Ourense Iago Tabarés, foi que “a nova Área terá a súa sede en Ourense, cidade recoñecida por certo polo Parlamento de Galiza, por unanimidade no seu día, como a Capital termal de Galiza”.

Porén, desde o BNG sinalan que este novo anuncio non é senón unha reiteración doutras promesas e compromisos realizados polo daquela Presidente da Xunta Núñez Feijoo, quen tras recoñecer as enormes potencialidades dos recursos termais de Ourense, “estableceu como obxectivo posicionar a Galiza como destino termal, a través de potenciar Ourense como provincial termal”.

Segundo Iago Tabarés, “a realidade é que na Capital Termal de Galiza, única das sete cidades máis poboadas do país nas que gobernou o PP no presente e no pasado mandato, a meirande parte dos seus aproveitamentos termais están pechados ao baño ou co acceso ao público limitado”, e engade, “a realidade desminte aos anuncios e o termalismo en Ourense segue a ser unha potencialidade da que non pode disfrutar á cidadanía en xeral e a de Ourense en particular”.

Por estas razóns, desde O Grupo parlamentar do BNG, pídenlle concrecións ao Executivo galego no referido ao anuncio realizado polo Presidente Rueda de instalar a Área de turismo termal en Ourense, para o cal preguntarán en Comisión parlamentar “cal é o cronograma, a estrutura, a ubicación e o orzamento co que vai contar”.

Por último e segundo sinala o deputado Iago Tabarés, “queremos coñecer tamén cales foron as achegas solicitadas e as concedidas pola Xunta, desde 2014 e até o día de hoxe, vía convenio ou subvención, para a rehabilitación e o acondicionamento das instalacións dos espazos termais en Ourense ou mesmo para a súa adaptación á nova Lei termal”.

O BNG pediralle á Xunta, vía Parlamento, concreción sobre o anuncio feito a semana pasada polo Presidente Rueda de instalar en Ourense a “Área de Turismo Termal de Galiza”