O BNG advirte do risco de colapso absoluto na Concellería de Asuntos Sociais do Concello de Ourense
Os nacionalistas instan ao alcalde a que deixe de xogar coa vida da xente, que non pode esperar cinco meses para prender a estufa ou para comer, porque o concello se nega a dotar de persoal a Concellaría de Servizos Sociais.
Ourense, 19 de febreiro de 2021. O Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense, concretamente a concelleira Rhut Reza e o concelleiro Luis Seara, compareceron esta mañá en rolda de prensa para denunciar unha vez máis a situación de extrema gravidade na que se atopa a Concellería de Asuntos Sociais do Concello de Ourense e para advertir do serio risco de colapso na mesma.
Comezou facendo uso da palabra a concelleira Rhut Reza, quen lembrou que "desde o BNG queremos denunciar unha vez máis a situación de extrema gravidade na que se atopan os Servizos Sociais do Concello de Ourense. Situación que xa temos denunciado no Pleno a través de mocións así como nas Xuntas de Área".
Reza continuou afirmando que "os Servizos Sociais do Concello de Ourense son unha bomba a piques de estourar. Non nos vale que o concello se escude en que xa está a elaborar unha listaxe de contratación de traballadoras sociais, unha listaxe que leva máis de ano e medio de demora, o que se precisa é contratar persoal de xeito inmediato, e xa vai tarde. O concello debe contratar todo o persoal preciso para eliminar as listaxes de agarda á intervención social, listaxes que xa son de cinco meses. Cinco meses para unha primeira cita na que se fai un primeiro diagnóstico do caso. Cinco meses, esta situación é insostíbel".
Desde a formación nacionalista din que "podemos entender pola situación excepcional e nova que en marzo de 2019 non se puidesen atender todas as demandas da veciñanza, pero pasou un ano, a Concellaría xa debería estar dimensionada para esta situación, non se entende que a bola de neve siga a medrar e o tempo de demora para unha primeira cita sexa de cinco meses e crecendo".
O BNG advirte ao Goberno Local de que ten que tomar conta da situación sen demora, "os Servizos Sociais do concello son unha bomba a piques de estourar". Estamos a vivir unha situación excepcional, unha situación que está a provocar que moitas veciñas e veciños se vexan nunha situación crítica e con dificultades para cubrir as necesidades básicas.
O concello, ten a obriga de prestar servizos sociais básicos (información, orientación, derivación) pois así o di a LRBRL, e non o está a facer. Rhut Reza pregúntase "que acontece neste concello?", incrementouse o volumen de usuarios e usuarias, polo que a concellaría non está dimensionada para esta carga de traballo". Como non hai persoal suficiente: toma, aquí tes un papel cunha cita para dentro de cinco meses. Ante a impotencia e desesperación a xente búscase a vida e acode as traballadoras sociais dos servizos sanitarios e as traballadoras sociais da Xunta de Galiza e tenta tramitar pola súa conta unha RISSGA, unha tarxeta moedeiro para necesidades básicas, ou un ticket social eléctrico, mais que acontece? todos estes servizos precisan, si ou si, dun informe social vinculante dos servizos sociais do concello, que se a primeira cita ten unha demora de cinco meses, este informe pode ter unha demora ate de un ano".
A concelleira nacionalista amosouse tallante nas súas reivindicacións ante o goberno Local, "señores do goberno, dimensionen xa a concellaría. A avaliación e información en situacións de necesidade social é unha competencia propia do concello. Teñen a obriga de dimensionar a concellaría. Coa súa deixadez de funcións están pechando a porta de entrada cara servizos especializados". E engade, "se vostedes non fan e teñen colapsados os servizos sociais do concello tamén están a colapsar outros servizos sociais".
A ollos do Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense, parece que este goberno non coñece as súas responsabilidades e competencias en materia social, ou se as coñece mira cara outro lado, ao tempo que miran cara ao PP, "porque é cómplice ao abandonar no seu día o goberno local sen pensar no conxunto da veciñanza" como ben apuntou Luis Seara.
Rhut Reza advertiu igualmente de que esta situación está a crear o caldo de cultivo para que agrome a xenofobia polo que instou ao goberno liderado por Gonzalo P. Jácome a que de xeito inmediato:
1. Deixe de eludir as súas responsabilidades en materia de servizos sociais e asuma as competencias que lle son propias. Tanto as que lle gustan como as que non, porque queremos informar ao alcalde de que o concello ten competencias propias en materia de prestación de servizos sociais e de promoción e reinserción social. Esto non é o instituto, nen o colexio onde estudo o que me gusta e o que non me gusta un pouco menos.
2. Deixe de sementar o caos social e atenda as necesidades básicas da veciñanza, que está a padecer as consecuencias da súa deixadez de funcións.
3. Deixe de xogar coa vida da xente, que non pode esperar cinco meses para prender a estufa ou para comer, porque o concello se nega a dotar de persoal a concellaría de servizos sociais.