Para o BNG cómpre cubrir todas as vacantes existentes a día de hoxe dentro da estrutura da Policía Local
Reclaman procedementos ordinarios que permitan aos axentes promocionar internamente e deste xeito poder incrementar a plantilla con axentes de novo ingreso
Ourense, 16 de xullo de 2021. Que a día de hoxe a plantilla da Policía Local de Ourense se atopa nunha situación de extrema precariedade é algo que non se lle escapa a ningúen. Esta situación dificulta considerablemente o desenvolvemento das moitas tarefas e obrigas que ten o corpo e mesmo pon en risco a seguridade dos propios axentes e da veciñanza no seu conxunto.
Para o BNG cómpre abordar dunha vez por todas a cobertura de todas as prazas vacantes dentro da estrutura do corpo que permita cubrir os postos de arriba a abaixo e reforzar deste modo todos os escalafóns ao tempo que permitiría ir incorporando axentes de novo ingreso.
Os nacionalistas critican a inacción do equipo de goberno ao longo destes dous anos de mandato e mesmo a dos catro anos anteriores cando o PP tivo en solitario a responsabilidade de goberno. Unha inacción que propiciou que a día de hoxe exista un enorme déficit dentro do corpo.
Actualmente, o Goberno Local pretende cubrir 3 postos de inspector cun procedemento extraordinario, como é o da comisión de servizos, que limita os dereitos dos propios axentes do corpo á hora de poder promocionar internamente e optar polo tanto a ditas prazas.
Desde o BNG reclaman o inicio de procedementos ordinarios, que como xa se comentou, permitan a promoción interna, cubrir os postos vacantes de arriba a abaixo e deste xeito poder ofertar prazas na escala básica. Os nacionalistas non entenden porqué hai tanto interese en cubrir os postos de inspectores con persoal vido de fóra a través dun procedemento extraordinario.
Igualmente, solicitan unha planificación na que se teñan en conta as xubilacións que se vaian producindo e poder ir cubrindo ditas vacantes, pero sempre, eso sí, a través de procedementos ordinarios, a través dos cales, os propios axentes do corpo, e en exercicio dos seus dereitos, poidan promocionar.