O BNG critica os desaxustes na factura da auga após a pandemia e a disparidade na asignación do consumo

A formación nacionalista diríxese a Viaqua e ao goberno municipal para que solucionen esta situación que afecta maiormente “ás familias con menos consumo e menos recursos”

O BNG critica os desaxustes na factura da auga após a pandemia e a disparidade na asignación do consumo

O grupo municipal do BNG denunciou a situación que se da na factura da auga após a crise da COVID-19 e o confinamento das veciñas e veciños. Segundo sinalaron, Viaqua está cobrando unha media de 18€ máis no recibo deste mes como consecuencia de non ter feito unha lectura da vivenda no confinamento.

Desde a formación nacionalista destacaron que, na factura deste mes, as veciñas e veciños de Ourense estarán a recibir unha factura de auga que non se corresponde co consumo real. “Viaqua durante a pandemia non fixo ningunha lectura de ningún contador, asignoulle a cada vivenda un consumo que non era nin unha media do consumo dos últimos meses” destacou o voceiro municipal do BNG, Luis Seara. O concelleiro afirmou que “hai certa disparidade á hora de asignar cada consumo” mentres sinalou que no bimestre actual “as facturas da auga recollen a totalidade do consumo menos a parte que foi cobrada no mes anterior”.

Seara exemplificou a denominada “estafa” cunha simulación realizada nas facturas dunha veciña da cidade onde o custe era trece euros menor que do que lle estaba cobrando Viaqua na factura. Segundo afirmou o voceiro municipal do BNG, a media do cobro das veciñas de Ourense é “duns 18 euros” penalizando “ás persoas que menos consumo teñen e que menos recursos teñen”.

“Estamos a falar de miles de persoas que, multiplicado por unha media de 14 ou 15 euros, suporá para Viaqua un beneficio de medio millón de euros que se embolsa” destacou Seara durante a comparecencia. Para a formación nacionalista, a “estimación á baixa” realizada durante os dous meses da pandemia provocou que agora moitas vivendas, na lectura dos contadores, pasen a un consumo moito maior do que realmente tiveron.

O voceiro municipal quixo denunciar esta situación despois de que moitas persoas alertaran sobre o que acontecía na factura de Viaqua e alegou ser “a voz da xente” nesta reivindicación. O altofalante solicitoulle á empresa concesionaria que nos vindeiros recibos, se é que non o pode facer xa na factura actual, reintegre esa variación da factura “cobrada de xeito anormal”.

Asemade, o voceiro municipal do BNG en Ourense, dirixiuse ao goberno do Concello para que interveña nesta situación ao ser Viaqua unha concesión municipal. “Que se dirixa á empresa para regularizar esta situación e defenda os intereses das e dos ourensáns” concluíu o voceiro municipal.

O BNG critica os desaxustes na factura da auga após a pandemia e a disparidade na asignación do consumo