O BNG critica a falta de interese por parte de Concello e Xunta para a celebración do Día da Acción Global polo Acceso a un Aborto Legal e Seguro
A Concelleira Erea Blanco cuestiona que ao longo desta semana “non se desenvolvera ningunha actividade sobre saúde sexual e aborto por parte do goberno municipal, igual que por certo, aconteceu coa semana da lactancia materna”
A deputada Noa Presas reclama que “o aborto é un dereito para as mulleres e debe garantirse ao 100% no sistema público por parte da Xunta que a día de hoxe non está garantindo este dereito na sanidade pública”
Ourense, 28 de setembro de 2023. Este 28 de setembro celébrase o día da acción global polo acceso a un aborto legal e seguro. Por este motivo e ante a falta de actividades relacionadas e promovidas polo Concello de Ourense, Desde o Grupo Municipal do BNG, concretamente a Concelleira Erea Blanco, critica que “non se tivesen desenvolvido actividades nesta semana sobre saúde sexual e aborto, hoxe é 28 de setembro e non houbo nin un intento, por parte do Goberno Local, de facer ningún traballo ao respecto. Igual que por certo, aconteceu coa semana da lactancia materna”
Erea Blanco incide en que “o acceso a educación sexual, que tan importante é, é un privilexio nesta cidade xa que, nin Goberno Local nin Xunta de Galiza están polo labor de traballar”, e engade, “desde o Grupo municipal do BNG facemos unha batería de propostas para que se poñan en marcha no Concello canto antes”.
As nacionalistas propoñen xornadas de charlas en todos os centros públicos e municipais da cidade e tamén nas asociacións de veciñas que garantan un igual acceso á información por parte da cidadanía.
Igualmente, a Concelleira Erea Blanco aboga pola “recuperación de toda a área de saúde desmantelada nas Lagoas, que pode servir tamén para facer pequenos obradoiros de educación sexual, falar de prácticas abortivas, de saúde sexual e compartir experiencias entre a veciñanza”.
Outra das propostas consiste na “creación de campañas de sensibilización a nivel municipal e en colaboración coa Xunta de Galiza que permitan socializar as eivas e os procedementos que existir, os anticonceptivos e demais cuestións, así como a instalación de carpas nos ambientes de ocio nocturno, nas que se poidan repartir anticonceptivos e información, achegando esta á mocidade”.
Pola súa banda, a deputada por Ourense no Parlamento galego Noa Presas é rotunda ao afirmar que “o aborto é un dereito para as mulleres e debe garantirse ao 100% no sistema público por parte da Xunta e o Goberno Local debe implicarse na educación sexual. A Xunta de Galiza non está garantindo este dereito na sanidade pública”.
Presas Bergantiños incide en que “nos tres últimos anos con datos pechados de 2020, 2021 e 2022, o 38% dos abortos de menos de 14 semanas de Galiza foron derivados á privada. En agosto, a Xunta de Galiza sacou a concurso por 2,5 millóns de euros a prestación do servizo de interrupción voluntaria do embarazo para seguir enviando a clínicas privadas o servizo no caso dos abortos de menos de 14 semanas que non son de risco”.
Para Noa Presas, “isto supón un avance na privatización da sanidade privada e unha escolla antifeminista, porque se xustifica na falta de persoal e se decide privatizar este dereito das mulleres no lugar de reforzar o persoal ou prescindir doutros servizos” e engade, “estamos diante dunha vulneración dos dereitos das mulleres mais tamén o incumprimento flagrante da lexislación vixente a nivel estatal que sitúa como excepcional, desde 2010, a derivación á privada sendo a rede pública a que debe garantir o dereito ao aborto nos termos previstos legalmente”
A deputada por Ourense avanza que seguirán a impulsar iniciativas no parlamento galego e referidas a que “calquera muller galega poida exercer o seu dereito ao aborto na sanidade pública. O reforzo dos Centros de Orientación Familiar para garantir a debida información e acompañamento así como reforzar os programas de educación afectivo-sexual no ensino público galego así como garantir a oferta da materia de Igualdade na oferta curricular das diferentes etapas educativas cunha dotación horaria suficiente”.