O BNG demanda medidas de urxencia para aumentar camas UCI e persoal no CHUO e reforzar o cribado da cidade

IMG_3893
A concelleira Rhut Reza e a deputada Noa Presas durante a comparecencia ante os medios

Así o avanzou a deputada Noa Presas, quen confirmou que no próximo pleno do Parlamento, o BNG demandará unha unidade de xeriatría e un plan de reforzo para recuperar as consultas e operacións adiadas

O BNG demanda medidas de urxencia para aumentar camas UCI e persoal no CHUO e reforzar o cribado da cidade

Ourense, 22 de xaneiro de 2021. A deputada por Ourense Noa Presas acompañada pola concelleira no Concello de Ourense Rhut Reza e o concelleiro Luis Seara, compareceu ante os medios para avaliar a situación e evolución da pandemia en Ourense así como para avanzar unha serie de propostas que as nacionalistas presentarán no pleno do Parlamento de Galiza da vindeira semana e relativas ao CHUO.

Comezou Presas a súa intervención dicindo que "desde o BNG queremos expresar a nosa preocupación pola evolución da COVID-19 en todo o país e concretamente en Ourense. Estamos vivindo unha escalada de contaxios que acada cifras inéditas".

"Preocúpanos a evolución da pandemia pero tamén a falta de decisión do goberno central e galego á hora de tomar medidas contundentes para frear a cadea de contaxios e salvar vidas". Segundo afirmou Presas, "esa ten que ser a prioridade e desde o BNG insistimos: é cada vez máis necesario un confinamento de 15 días que permita baixar as cifras. Salvar vidas ten que ser a máxima preocupación á hora de tomar decisións e pedimos responsabilidade e valentía".

A deputada nacionalista avaliou a situación desde o punto de vista económico é a incidencia que tanto a pandemia como as medidas adotadas pola administración ten na economía local e provincial. "preocúpanos a situación económica. Ourense precisa de medidas de soporte económico adicionais para os sectores afectados por dúas razóns: primeiro, porque a situación previa era xa de crise, emigración, peche de comercios ou perda brutal de poboación activa e segundo, porque na anterior vaga Ourense viviu restricións moi duras durante case un mes máis que o resto e hai que compensar esa situación".

"preocúpanos a situación de Ourense polas características da pobación. Ourense é a cuarta rexión máis avellentada de Europa. Xa non de Galiza ou do Estado, de Europa.

Noa Presas afirmou durante a súa comparecencia que esta realidade non pode ignorarse á hora de activar medidas porque "é un factor de risco obxectivo".

A situación sanitaria é outro dos ámbitos de preocupación para as nacionalistas, e concretamente no que ten que ver coa atención en Ourense. "Ás carencias nunha atención primaria confinada e con falta de persoal súmase un Hospital tamén con carencias". Presas lembrou que xa na anterior vaga "vimos como en outubro se trasladaban pacientes a outros hospitais e se cancelaban operacións e en novembro habilitáronse ata 9 camas en quirófanos mentres se seguían derivando doentes a outros hospitais, polo que é evidente que o reforzo non chegaba onte e non vai chegar nesta nova vaga".

"Pedimos á Xunta que corrixa a falta de previsión e planificación. Levamos case un ano de pandemia e no CHUO hai espazo para habilitar máis camas UCI de forma estable".

Para Noa Presas resulta imprescindíbel prepararse para evitar unha eventual saturación das urxencias e para un incremento de necesidades UCI que é predecíbel. "Ourense non pode vivir esperando que atendan as súas necesidades noutros hospitais cando a situación de todas as áreas é delicada. Agora mesmo o CHUO volve aprazar operacións e hai que preguntarse cantas persoas están vendo que é a segunda, a terceira ou a cuarta vez que ven aprazada a súa operación ou a súa consulta".

Amosou tamén a preocupación do BNG a respeito da "lixeireza coa que o Sr. Félix Rubial informa disto. "Non podemos minusvalorar o impacto que isto ten na saúde da poboación". Para incidir, "os colectivos profesionais estiman que no conxunto de Galiza se fixeron: 600.000 consultas, 3.000 operacións e 20.000 probas diagnósticas menos e non podemos facer como que non pasa nada

Plan de emerxencia

Presas insistiu na necesidade de adoptar medidas urxentes no CHUO, "pedimos que se aumenten as camas de UCI, o reforzo de persoal no CHUO e facer públicas as consultas e operacións adiadas e un plan de reforzo para realizalas en canto sexa posíbel". E incidiu, "entendemos tamén necesario aumentar o cribado na cidade de Ourense. 8.000 probas é un número importante. É un esforzo que valoramos positivamente e sabemos que hoxe hai necesidades en toda Galiza. Pero non chega nin ao 10% da poboación. É necesario cando menos duplicalo nos próximos días para localizar asintomáticos e frear a escalada na rexión máis avellentada de Galiza".

Unidade de xeriatría no CHUO

Por último, Noa Presas adiantou que o BNG levará ao pleno do Parlamento de Galiza da vindeira semana unha iniciativa para dotar o máis rapido posíbel a Ourense dunha unidade específica de xeriatría no CHUO. "É inaudito que ao longo desta crise non se corrixise esta deficiencia, sinalada mesmo pola Sociedade Galega de Xeriatría e Xerontoloxía".

Aludía Presas a que "estamos diante dunha unidade como a que xa hai en Lugo e Vigo e que é inexplicable que siga sen existir en Ourense. Nun momento como o que vivimos sería clave para planificar a atención sanitaria".

O BNG demanda medidas de urxencia para aumentar camas UCI e persoal no CHUO e reforzar o cribado da cidade