O BNG demanda na Deputación de Ourense a creación dunha liña de axudas aos actores afectados polas restricións sanitarias á imaxe do modelo implantado en Alemaña
As ínfimas axudas da Xunta de Galiza aos sectores afectados pola pandemia, levan ao voceiro do grupo provincial do BNG a demandar a implicación económica da Deputación nun plan coordinado e negociado con concellos e Xunta no que cada unha das tres administracións aporte o mesmo esforzo orzamentario para compensar até o 70% das perdas durante todo o tempo que duren as restricións
O BNG ven de presentar unha moción o pleno da Deputación de Ourense ante o recrudecemento da crise sanitaria e as restricións sanitarias, unha situación que para o voceiro do grupo provincial do BNG, Bernardo Varelea “están facendo insostible a continuidade de moitas pequenas empresas vinculadas aos sectores produtivos da provincia”
Para Varela “non pode ser que a única iniciativa que puxo en en marcha a Xunta até o momento fose unha axuda que en caso de completarse conforme ao declarado polo presidente Feijóo o día 21, supoña só uns 0,00617 puntos dos orzamentos da Xunta, moi lonxe sequera do 1% dos mesmos”. A pesar de que a Xunta experimentou un aumento nos seus fondos para a loita contra a pandemia e non ter feito aportacións extraordinarias ás Deputacións ou administracións locais para enfrontar a dura realidade que padecemos.
Entendemos que a toma de decisións para protexer a saúde da cidadanía sen perder de vista o obxectivo de salvagardar tamén a economía de centos de miles de familias non resulta sinxela, declara Varela, porén consideramos que a aplicación de modelos como o implantado en Alemaña, é posible en Galiza, e estamos en disposición de implementar un modelo similar para facerlle fronte á difícil situación económica das pemes desta provincia.
É tempo de que a cooperación entre administracións prevaleza e que concellos, Deputacións e Xunta de Galiza aporten atendendo ao nivel competecial e económico de cada unha delas.
Polo que o BNG demandará do pleno provincial instar á Xunta de Galiza a aprobar un decreto de xeito urxente no que se contemplen de forma inmediata axudas para os actores afectados polas restricións sanitarias acordadas pola administración galega, así como a creación dun procedemento urxente, áxil e sinxelo para facilitar o acceso inmediato aos sectores afectados a estas axudas a través dun portelo único, con todas as garantías de transparencia e equidade.
Proporemos, explica o voceiro nacionalista, o compromiso da Deputación participando economicamente na liña de axudas aos sectores afectados na mesma porcentaxe sobre o orzamento provincial que a porcentaxe que aplique a Xunta a este fondo sobre o seu orzamento, nas condicións que se acorden nunha mesa institucional en canto a contías globais, destino e xestión desas axudas.
Un plan de apoio económico que tamén contaría na mesma porcentaxe dos seus orzamentos cos concellos, conformando un fondo razoábel, transparente e colaborativo para dar solucións aos autónomos e pemes, que debe ter por obxecto compensar até o 70% da perda de ingresos mensuais, compensación aplicable todo o tempo que duren as limitacións á actividade no sector.