O BNG propón á reforma do Regulamento Orgánico do Concello de Ourense para “adaptalo aos tempos e á nova realidade municipal”

DSC_0418
Luís Seara e Erea Blanco en rolda de prensa

Ademais da súa presentación vía moción, o BNG anuncia que ven de trasladarlle a proposta de reforma, vía Rexistro, ao actual Goberno Local xa que “o impulso da mesma correspóndelle á Xunta de Goberno Local”

O BNG propón á reforma do Regulamento Orgánico do Concello de Ourense para “adaptalo aos tempos e á nova realidade municipal”

Ourense, 02 de setembro de 2024. 14 de novembro de 2012, ese día publicábase no BOP a última das modificacións levadas a cabo no Regulamento Orgánico de Goberno e Organización do Pleno e a Comisión Especial de suxestións e Reclamación. Desde entón o documento non sufriu ninguha actualización, algo que segundo sinalan desde Grupo municipal do BNG, “fai que teñamos un Regulamento Orgánico obsoleto e que non resposta ás novas necesidades e a nova re alidade municipal”.

O seu Portavoz municipal Luís Seara, sinalou que “a reforma do Regulamento era un dos obxectivos que nos marcamos desde o BNG ao inicio do mandato para aumentar os niveis de transparencia, participación cidadá e para devolverlle a dignidade e o decoro ás sesións plenarias, convertidas desde a chegada de Jácome non soamente á alcaldía senón ao salón de Plenos, nun esperpento continuo no que as faltas de respecto, a mala educación e as interrupcións ao resto de membros corporativos son unha constante”.

Segundo Seara, “resulta evidente que o paso do tempo, as novas formas de facer política e mesmo as novas canles de participación e funcionamento interno da institución, fan que a día de hoxe o Regulamento estea obsoleto e precise dunha nova refomulación que dea satisfacción aos novos tempos nos que vivimos e á nova realidade municipal”.

Levamos meses traballando nun texto alternativo, texto que vímos de presentarlle tanto ao Alcalde vía rexistro, cunha petición formal para que inicie os trámites precisos para a súa reforma, como a través dunha moción que se debatirá no Pleno ordinario deste venres”. O Grupo municipal do BNG pretende con esta iniciativa “darlle impulso político e abrir o debate sobre a necesidade da reforma”.

De entre as principais modificación propostas polo BNG, destacan unha maior transparencia por parte da Corporación, maior participación da veciñanza nas sesións plenarias, así como unha maior concreción no funcionamento de determinados órganos como é a Xunta de Portavoces alén do necesario emprego da linguaxe inclusiva ou mesmo do cumprimento de acordos plenarios e referidos ao emprego da linguaxe de signos durante os Plenos para favorecer o seguimentos dos mesmos por parte das persoas xordas.

A concelleira Erea Blanco sinalou que, “queremos ter un regulamento do século XXI, inclusivo e incluínte, que aposte claramente pola transparencia e pola trasversalidade efectiva entre veciñanza e institución. Por iso, cando falamos de mellora das canles de participación veciñal falamos de abrirmos as portas do Pleno do Concello á veciñanza, permitindo que a propia veciñanza solicite por rexistro participar e intervir nalgún punto da orde do día durante cinco minutos. Desde aquí, tamén entendemos que cómpre actuar en paralelo co regulamento de participación cidadá para que vaian acompasados”.

Blanco tamén sinalou a necesidade de facer un Concello moito máis inclusivo para o cal propónse “a actualización da linguaxe do propio regulamento por linguaxe inclusiva, mais tamén garantido a participación das mulleres nos órganos do Concello e, desde esta inclusividade, incluímos tamén a linguaxe de signos tanto no propio pleno como nas trasmisións en directo do mesmo”.

Outras das principais novidades que o BNG introduce na súa proposta ten que ver co desenvolvemento das propias sesións plenarias como ben explicou Erea Blanco. “Engadimos unha quenda de peche para a o Grupo propoñente da moción. E tamén procuramos limitar as intervencións do Alcalde aos tempos que temos as demais concelleiras de intervención. Tamén modificamos o relativo ás emendas das mocións, evitando a posibilidade de que se vote unha emenda rexeitada polo grupo municipal propoñente da moción, entendendo que deste xeito non hai maneira de deturpar o sentido orixinal da moción”.

Dotar de contido a órganos como a xunta de Portavoces para que sexa un órgano consultivo e deliberante e cuxo funcionamento ou non non pode depender de quen ocupar a alcaldía é outra das propostas formuladas.

En resumo e tal e como sinalou Blanco na súa intervención, “entendemos estes eixos de mellora como puntos clave para mellorar o funcionamento a futuro dos órganos do Concello, aquí pretendemos achegar as pinceladas principais do que pensamos que é unha proposta de reforma integral, reforma que agardamos que se poida abordar colectivamente e que coloque un debate moi importante sobre como entendemos que debe funcionar este Concello”

O BNG propón á reforma do Regulamento Orgánico do Concello de Ourense para “adaptalo aos tempos e á nova realidade municipal”