O BNG denuncia o peche do Centro de Interpretación das Burgas e da piscina termal en plena semana vacacional na que se agarda a chegada de centos de visitantes
Desde a formación nacionalista denuncian que o Goberno Local non dota de persoal ao Centro polo que os centos de visitantes que se agardan para estes días atópanse as portas pechadas, o que unido ao peche da piscina termal, fai que se leven unha lamentable imaxe da cidade
Ourense, 04 de abril de 2023. O Grupo municipal do BNG no Concello de Ourense viña advertíndolle ao Goberno Local desde hai tempo e a través das Xuntas de Área, da necesidade de dotar de persoal suficiente ao Centro de Interpretación das Burgas e permitir que, deste xeito, puidera ter un horario acorde ás necesidades da veciñanza e dos centos de visitantes que a el acoden cada día.
Pero o certo é que o actual Executivo Local, con Jácome á fronte, fixo caso omiso polo que agora, en Semana Santa, o centro, situado en pleno corazón da cidade e punto neurálxico de atracción turística permanecerá pechado ao longo de todos estes días, imposibilitando que os centos de visitantes que se agardan poidan facer uso das súas instalacións e coñecer máis polo miúdo a historia do noso concello.
Segundo a concelleira nacionalista Rhut Reza, “é inexplicable que o Centro e o Xardín colindante permaneza pechado durante toda esta semana, se a iso lle engadimos o estado no que sea atopa a piscina termal das Burgas, pechada desde hai 3 anos, fai que a imaxe que ofrecemos e que se levan as e os que nos visitan sexa lamentable”.
Para o BNG, o Goberno Local non ten escusa para manter o Centro de Interpretación das Burgas pechado por máis tempo polo que esixen a súa reapertura urxente xa que, como ben apunta a concelleira Rhut Reza, “a xente que sube pola rúa das Burgas ve a porta, achégase a ela para poder entrar e coñecer a historia e o pasado termal da chamada Capital termal de Galiza e o que atopan é a porta pechada. Se o Goberno Local tivera vontade política e se tomara en serio esta cuestión, o Centro tería o persoal necesario para atendelo e que puidera estar operativo tanto estes días como o resto do ano”.
Reza lamenta o desleixo e a falla de interese polo termalismo do concello que tanto PP como DO, ambos con responsabilidades en materia termal ao longo deste tempo, “teñen amosado ao longo dos case catro anos de mandato”.