O BNG esixirá en Pleno ao Concello de Ourense o cumprimento das súas obrigas en materia de normalización lingüística

Rhut Reza, concelleira do BNG no Concello de Ourense

Na formación nacionalista lamentan que pese a dispór dunha Ordenanza e dun Servizo de Normalización Lingüística, a día de hoxe son papel mollado para o actual Goberno municipal. Denuncian que o Servizo de Normalización Lingüística está reducido a un servizo de tradución, esborrallando a finalidade para o que foi creado no seu día

O BNG esixirá en Pleno ao Concello de Ourense o cumprimento das súas obrigas en materia de normalización lingüística

Ourense, 11 de abril de 2023. O Pleno que o Concello de Ourense ten previsto celebrar este venres 14 de abril debaterá unha moción rexistrada polo Grupo municipal do BNG e referida o cumprimento das obrigas que ten o propio Concello en materia de normalización lingüística.

Desde a formación nacionalista lembran que En 40 anos da Lei de Normalización Lingüística, o retroceso social do idioma galego foi imparábel. Segundo dados do INE de 2022, referidos a 2021, casi un 30% dos menores de 20 anos recoñece que non é capaz de falar nada en galego ou faino con moita dificuldade e o mesmo acontece coa escrita cun 33% de mozos e mozas que non son capaces de escribir en galego ou o fan con dificultade.

Para a concelleira nacionalista Rhut Reza, “O Concello debería exercer as competencias que lle atribúe a normativa en materia de normalización lingüística para que nos espazos de socialización estea presente a lingua galega, para garantir que aquelas crianzas que empregan a lingua galega non se sintan discriminadas, e que nas súas relacións entre iguais e nas actividades poidan sentirse libres de empregar a lingua galega”.

Reza recórdalle ao Executivo local que o Estatuto de Autonomía de Galiza, no artigo 5.3 “atribúelle as administracións locais competencias en materia de lingua galega, correspondéndolle concretamente garantir o uso normal e oficial dos dous idiomas, potenciar o emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa, e dispór os medios necesarios para o seu coñecemento”.

No BNG denuncian que o Concello dispón dunha Ordenanza e dun Servizo de Normalización Lingüística pero que a día de hoxe “a Ordenanza é papel mollado e o Servizo de Normalización Lingüística ten reducido o seu papel a un servizo de tradución, esborrallando a finalidade para o que foi creado no seu día”.

O actual Goberno local suprimiu actividades de fomento e normalización da lingua galega para crianzas, familias e adolescentes. Programas que tiveron moito éxito e que primeiro a pandemia e despois o desleixo do actual alcalde polo propio fixeron que se esvaeceran”.

Por todo o anterior é polo que desde o Grupo municipal do BNG pedirán en Pleno apoio do resto de Grupos para esixir ao Goberno Local, o cumprimento da Ordenanza de Normalización Lingüística, nomeadamente nas actividades que o Concello realiza no ámbito da conciliación e o lecer, a posta en marcha dun programa de inmersión lingüística para crianzas e dunha programación para o fomento do uso da lingua galega e o aumento do seu prestixio entre a mocidade así como a apoiar aos programas de inmersión lingüistica en galego que se realicen no Concello.

O BNG esixirá en Pleno ao Concello de Ourense o cumprimento das súas obrigas en materia de normalización lingüística