O BNG denuncia que, a día de hoxe, o Goberno Local segue sen cumprir con 11 entidades do 3º sector
A Concelleira do BNG Rhut Reza advirte que “estamos a 21 de decembro, a piques de que remate o ano, e hai 11 entidades sociais do terceiro sector atravesando unha situación delicada por causa da mala xestión, da insensibilidade e da falla de planificación do Goberno Local”
A formación nacionalista defende que “aínda que non é o sistema máis xusto, nin o que nós defendemos, pedímoslle ao Goberno Local que asine de xeito excepcional convenios con estas 11 entidades para que perciban o que lles correspondía do 2022 e tamén do 2023”
Ourense, 21 de decembro de 2023. Desde o Grupo municipal do BNG no Concello de Ourense denuncian que a día de hoxe aínda non se solventou a situación na que quedaran até un total de 11 entidades do terceiro sector, beneficiarias de axudas municipais pero que non puideron percibir nin no ano 2022 nin no que vai deste 2023 por falla de crédito suficiente e pese aos anuncios reiterados do Goberno de solventar a sítuación o antes posible.
A Concelleira do BNG Rhut Reza advirte que “estamos a 21 de decembro, a piques de que remate o ano, e hai 11 entidades sociais do terceiro sector, atravesando unha situación delicada, por causa da mala xestión, da insensibilidade e da falla de planificación do Goberno Local”, e engade, “detrás destas entidades hai persoas, hai familias que se ven gravemente afectadas e ás que se lle reducen os servizos por falla de orzamento suficiente”.
Reza deixa claro que “no BNG sabemos que para o Alcalde, os Servizos Sociais son unha carga e por iso tanto lle ten a situación na que estean estas entidades. Pouco lle importan as usuarias e as familias que hai detrás desas once entidades que tanto no 2022 como no 2023 quedaron sen a subvención do Concello por falla de crédito, o que supón que para moitas delas estea a perigar a súa supervivencia”.
Desde o BNG lembran que levan tempo advertindo desta situación e que mesmo propuxéllonse ao Goberno Local “que de xeito excepcional, asinase convenios con estas once entidades para que puideran percibir o correspondente ao ano 2022 e ao ano 2023”.
“O Grupo de Goberno fixo convenios con todas es entidades deportivas e até aumentou o orzamento, resulta incomprensíbel que dada a situación que están a pasar estas 11 entidades socias, que sendo entidades pequenas e sabedores de que os servizos que ofrecen as usuarias, dependen da subvención do Concello, o Goberno non reaccione e esteamos nunha situación peor que hai un ano”.
A Concelleira Rhut Reza volve a insistir, “desde o BNG voltamos dicirlle ao Goberno Local que, aínda que non é o sistema máis xusto, nin o que nós defendemos, que asine de xeito excepcional convenios con estas 11 entidades, para que perciban o que lles correspondía do 2022 e tamén do 2023, pois elas non son responsábeis da incompetencia do Goberno Local polo que é inxusto que a sufran”.