O BNG salienta que a piques de rematar 2023, o transporte público municipal segue a ser unha materia pendente para o Goberno local

IMG_7170
Xosé Manuel Puga, Luís Seara e Rhut Reza durante a rolda de prensa.

Desde a formación nacionalista destacan que pese aos continuos anuncios feitos por parte da alcaldía, a día de hoxe “non se completou a renovación da flota, non se deseñou o novo mapa de liñas e non se licitou a xestión do Servizo”

O BNG cuestiona igualmente todo o procedemento de adquisición dos novos buses e sinala a situación na que se atopan tanto os chamados “busitos” coma os eléctricos

O BNG salienta que a piques de rematar 2023, o transporte público municipal segue a ser unha materia pendente para o Goberno local

Ourense, 20 de decembro de 2023. O Grupo municipal do BNG no Concello de Ourense compareceu esta mañá en rolda de prensa para avaliar a situación na que se atopa o Servizo municipal de transporte público cando estamos a piques de rematar o ano 2023 e logo de que fosen continuos os anuncios por parte da alcaldía que desde logo “non cumpriron con ningún dos prazos fixados”.

O Portavoz nacionalista Luís Seara, quen estivo acompañado polo Concelleiro Xosé Manuel Puga e a concelleiras Rhut Reza, lembrou os inicios de todo este proceso viculado a un servizo que “move ao redor de 7 millóns de viaxeiros e viaxeiras ao ano”.

Estamos a falar dunha concesión caducada e en precario, cuxo contrato rematou en maio de 2015. Estamos diante dunha empresa que está a xestionar o transporte municipal sen contrato, de xeito ilegal, tal como recoñece o Coordenador Xeral pero que gañou no xulgado en setembro de 2017 un litixio polo que o Concello está obrigado a pagar un 6% adicional desde que expirou o contrato, máis de 7,5 millóns de euros anuais”.

Seara lembrou que foi xa no mandato pasado onde se abordou por primeira vez a situación do transporte municipal. “En febreiro de 2021 fomos convocados polo Alcalde para tratar a licitación da concesión de autobuses. Cal é a nosa sorpresa que, en vez de falar da licitación, abórdase a posibilidade de mercar os buses directamente polo Concello. Dísenos de mercar trinta e pico autobuses, cun gasto estimado de perto de 10 millóns de euros”.

Naquela reunión, segundo Luís Seara, fálase de varias posibilidades tanto no relativo a adquisición como ao modelos dos autobuses, propostas todas elas ”que en ningún caso están avaladas polos correspondentes informes técnicos”.

A nosa posición na reunión foi a que xa temos explicitado en anteriores ocasións. Cremos que esta é unha oportunidade fantástica para recuperar a concesión para a xestión directa”, e engade, “desde o BNG concordamos en que se o Concello estaba disposto á remunicipalización do servizo, e en consecuencia, á adquisición directa dos autobuses, nós estabamos a favor, máis non quedamos ahí, dixemos que, en todo caso, antes de mercar os buses, era preciso definir o novo mapa de liñas, toda vez que os cambios producidos na cidade nas últimas décadas, unido a que os deseños das liñas actuais son dos anos 80, fai necesaria unha reconfiguración do mesmo”.

Luís Seara fixo igualmente durante a súa comparecencia un breve repaso polas diferentes propostas elaboradas pola alcaldía e relativas ao novo mapa de liñas, propostas todas elas que nunca chegaron a concretarse e que carecían do máis elemental dos consensos así como a proposta da implantación dun servizo a demanda para as zonas rurais que tamén quedou en papel mollado.

A realidade, segundo o BNG é que “a día de hoxe, o transporte público presenta unha serie de carencias que fan que non sexa o medio de transporte máis empregado nas viaxes que se realizan diariamente. O servizo atópase desactualizado en canto á planificación das liñas, horarios e coberturas, estes días os paneis informativos adicanse a felicitarnos o nadal ás usuarias e usuarios en vez de anunciar os servizos”.

Todo este desatino, que evidencia o caos no que está instalado este Goberno Local ten a súa concreción nos autobuses. Uns autobuses grandes que son máis pequenos en capacidade que os que había, uns busitos que estiveron durmindo o sereo durante meses en Tamallancos e por último os autobuses eléctricos que están agardando a que se coloquen os puntos de recarga para que poidan circular”.

Neste punto o Portavoz nacionalista fixo especial fincapé xa que sinalou “hai apenas unha semana, e logo de preguntar en reiteradas ocasións, o Concelleiro delegado díxonos que os puntos de recarga íanse instalar na nave da empresa que está a xestionar os buses, algo que nos parece inaudito, toda vez que estamos a falar dunha empresa que non ten ningunha relación contractual co Concello, que nos saibamos. Uns puntos de recarga que ten que costear o Concello e que ascenden a máis de 300 mil euros”. Desde o BNG apuntan a que este feito “podería condicionar o futuro concurso para a xestión do Servizo do transporte municipal”.

No BNG conclúen afirmando que “remata o ano 2023 e nada se sabe do contrato, que en todo caso, da a sensación está feito a medida. Desde o BNG seguimos insistindo en que o Goberno Local faga o que dicía cando estaba na oposición, remunicipalizar o servizo”.

 

O BNG salienta que a piques de rematar 2023, o transporte público municipal segue a ser unha materia pendente para o Goberno local