O BNG insta á Xunta a avaliar o risco sobre o patrimonio arquitectónico da zona histórica de Ourense por mor da falta de control na circulación de vehículos
Os danos causados en parte da balaustrada da parte sur da Catedral por parte dun camión guindastre, fai que desde o BNG se cuestionen sobre a “idoneidade para o patrimonio que os vehículos poidan acceder á zona histórica de Ourense sen ningún tipo de limitación”
Ourense, 02 de outubro de 2024. O pasado luns, 30 de setembro, a Catedral de Ourense era danada polo paso dun camión guindastre que se dirixía ás obras de rehabilitación do Museo Arqueolóxico. Co incidente danouse parte da balaustrada da parte sur que circunda o edificio histórico.
A balaustrada afectada foi construída posteriormente do núcleo catedralicio, entre os séculos XVII e XVIII, mais fai parte do conxunto catedralicio e está contemplada dentro da súa consideración de Ben de Interese Cultural (BIC). A maior abastanza, destacar que a Lei de patrimonio de Galiza “atribúe á Xunta de Galiza unha responsabilidade directa na conservación e preservación deste monumento e, por extensión, na situación do conxunto e da zona que o rodea”.
Desde o BNG e máis concretamente a deputada Noa Presas, lembra que “este non é o primeiro incidente deste tipo que afecta á Catedral, xa que na fachada norte un coche danou unha cornixa de pedra, por non falar doutros edificio históricos ou do propio pavimento da zona histórica, onde desde hai anos, circulan os coches sen ningún tipo de restricción”.
Esta cuestión, engaden desde o BNG, “ten sido sinalada tanto pola veciñanza como polas entidades en defensa do patrimonio e, en varias ocasións, por parte dos responsábeis da Catedral, que ao fío deste incidente volvían advertir que isto podería pasar calquera día de novo pola alta circulación de vehículos”.
Presas sinala que, “aínda que é evidente que os accidentes poden ocorrer, é crecente o malestar polas afectacións ao pavimento da circulación constante, incluíndo os pesados, de coches pola zona histórica, como se pode comprobar en moitas das súas rúas”.
Diante desta situación, o Grupo parlamentar do BNG no Pazo do Hórreo pedirá, por unha banda explicacións ao Executivo galego sobre os danos producidos e o custe de reparación dos mesmos e por outra, instará á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural “a elaborar un informe sobre da afectación e risco en que incorre o patrimonio arquitectónico da zona histórica de Ourense por mor da falta de control da circulación de vehículos rodados, incluídos os pesados e de gran tonelaxe”.
O BNG aclara tamén que “dito informe será remitido á Cámara Galega, ás institucións eclesiásticas interesadas e ao Concello de Ourense para o seu coñecemento e para a posta en marcha de medidas de prevención”.