O BNG insta á Xunta a rectificar e a escoitar as e aos profesionais do Nóvoa Santos nas súas demandas de non dividir servizos ante as obras de reforma previstas no Centro

Noa Presas, deputada do BNG por Ourense
Noa Presas, deputada do BNG por Ourense

A deputada Noa Presas sinala que a decisión unilateral da Xunta de dividir a prestación de servizos do actual Centro de Saúde Nóvoa Santos no do Couto e no Centro de especialidades, “faise unha vez máis sen escoitar a quen máis sabe, como son as e os profesionais deste Centro de Saúde que piden ser escoitados e tidos en conta”

O BNG insta á Xunta a rectificar e a escoitar as e aos profesionais do Nóvoa Santos nas súas demandas de non dividir servizos ante as obras de reforma previstas no Centro

Ourense, 18 de marzo de 2025. Vén de coñecerse que a Xunta de Galiza, en contra da vontade da comunidade sanitaria, decidiu unilateralmente segmentar a prestación sanitaria de atención primaria do Centro de Saúde Novoa Santos entre o PAC e o Centro de Saúde do Couto ante a previsión de demolición do actual edificio para impulsar o futuro Centro Integral de Saúde (CIS) de Ourense, unha decisión que a deputada do BNG Noa Presas, entende adoptouse “sen consenso, sen rigor profesional e sen a adecuada planificación que debe ser rectificada e revisada”.

Presas fai memoria e sinala que “a promesa dun CIS para Ourense nace xa a finais do ano 2020 e comeza a súa andaina administrativa e orzamentaria no ano 2021. Porén, a realidade é que mentres os CIS de Lugo e de Lalín, comprometidos na mesma altura, están rematados e en funcionamento, o investimento en Ourense continúa na lista de tarefas pendentes”.

Fontes nacionalistas advirten que “máis dun ano despois coñécense un conxunto de decisións unilaterais do Goberno galego ante a próxima demolición do edificio que actualmente alberga o Centro de Saúde Novoa Santos e ante o que as e os profesionais puxeron en coñecemento da autoridade competente distintas discrepancias”. A ollo do BNG e tal e como sinala Noa Presas, “estas discrepancias son razoadas e razoables e foron trasladadas á xerencia sanitaria sen ser tidas en conta”.

E é que entre os problemas sinalados, as e os profesionais sanitarios advirten da ruptura das bases de atención primaria para un terzo da poboación da cidade, da segregación de servizos e pacientes, da sobrecarga do Centro de Saúde do Couto que pasará a duplicar a poboación atendida, da ruptura da calidade e impartición de docencia e do desmantelamento do Centro de Orientación Familiar, que afecta ao conxunto da cidade.

Noa Presas entende que “coa segregación de servizos, profesionais e pacientes romperanse as bases de accesibilidade, lonxitudinalidade, continuidade asistencial e integralidade, bases consensuadas, estudadas e contrastadas pola comunidade científica, que non responden a criterios aleatorios senón obxectivos e que redundan nunha maior saúde comunitaria. Así mesmo, un dos principais problemas será a sobrecarga do Centro de Saúde do Couto”.

Desde a formación nacionalista denuncia que “non existe unha planificación coa comunidade, nin cos e coas profesionais que atenden no Centro actual, nin cos e coas profesionais dos Centros afectados nin coas entidades sociais e veciñais. Tampouco se está a ter en conta a crecente demanda sanitaria nun contexto social no que aumenta o avellentamento e no que se incorpora nova veciñanza”.

Así, unha atención primaria xa saturada vaise segregar en distintos Centros sen garantir espazos e horarios adecuados nin facilitar, de ser necesario, o prolongamento da xornada. Particularmente alarmante resulta o novo agravio contra o Centro de Orientación Familiar, que se suma ás decisións contrarias ás necesidades da saúde da muller en Ourense”.

Presas considera precisa “unha rectificación urxente por parte da Xunta de Galiza, que se interrompa a proposta de segregación profesional e sanitaria e que se acorde coa comunidade sanitaria, singularmente cos e coas profesionais, os termos de reorganización do servizo”. E conclúe, “é preciso que a Xunta de Galiza sexa dialogante e responsable, pois estamos a falar da afectación a un terzo da poboación da cidade de Ourense e dun tempo prolongado de afectación que pode levar nunha previsión optimista arredor de cinco anos”.


 

O BNG insta á Xunta a rectificar e a escoitar as e aos profesionais do Nóvoa Santos nas súas demandas de non dividir servizos ante as obras de reforma previstas no Centro