O BNG leva a Pleno o mantemento do Consello Municipal de Deportes (CMD) como Organismo autónomo encargado da xestión deportiva municipal
A formación nacionalista solicitará o apoio do resto de Grupos da corporación para o mantemento dun organismo que se ten “amosado como un instrumento moi válido” ao tempo que entenden que “resulta evidente que o obxectivo do actual Goberno Local ao formular a súa disolución é acaparar o poder e limitar a capacidade da oposición á hora de exercer o seu lexítimo dereito de control e fiscalización da acción de Goberno”
Ourense, 04 de outubro de 2023. O pasado 22 de setembro e a través dunha nota de prensa, o Goberno Local anunciaba o inicio dos trámites precisos para a disolución do Consello Municipal de Deportes (CMD) do Concello de Ourense. Os principais argumentos esgrimidos polo Alcalde son, por unha banda, que “é un sinsentido telo disgregado porque produce duplicidades” e pola outra, que o cambio permitirá “aforrar gastos e facer todo máis operativo”. Desde o Grupo municipal do BNG entenden que ambos argumentos son “vagos, falaces e insuficientes como para adoptar unha decisión de tal magnitude”.
Luís Seara, Portavoz do BNG, aclara que “dificilmente pode haber duplicidade, pois a Concellaría de Deportes, con quen podería colidir, non conta con máis persoal que o pertencente ao CMD, dándose o caso de que na propia delegación de competencias das Áreas de Goberno, ao Concelleiro de deportes, a única delegación que se lle fai é, precisamente, a da Presidencia do Consello Municipal de Deportes, non habendo ningunha outra relacionada co ámbito deportivo”.
Outro dos argumento esgrimidos é que o CMD serve tamén para pagar soldos extra non só aos políticos senón aos técnicos do Concello que cando van ás reunións do Consello Reitor do CMD cobran por asistir. A este respecto, Seara lánzalle unha proposta ao actual Rexedor, “desde o Grupo Municipal do BNG estamos dispostos á supresión do cobro das indemnizacións por asistencia ás reunións por parte dos Corporativos que a elas asisten”.
Para o BNG a continuidade do CMD como Organismo autónomo é fundamental xa que “se ten amosado como un instrumento moi válido ao ter autonomía funcional, orzamento propio e capacidade de decisión, pois permite axilizar os procedementos e sacar adiante proxectos que, doutro xeito, levarían moito máis tempo”.
Para o Portavoz nacionalista, “resulta evidente que o obxectivo do actual Goberno Local non é o de buscar unha maior operatividade, senón acaparar o poder e limitar a capacidade da oposición á hora de exercer o seu lexítimo dereito de control e fiscalización da acción de Goberno pois o Consello Reitor está formado por un Presidente ou Presidenta e por un número de vogais a determinar polo Pleno do Concello de Ourense en función da proporcionalidade de representación dos Grupos políticos que o formen e debendo recaer o seu nomeamento en Concelleiros e Concelleiras”.
Este, e non outro, “é o verdadeiro motivo que leva ao Goberno Local a querer disolver o CMD, o feito de ter que render contas semanalmente diante da oposición. Se hai algo que lle renxe ao actual Alcalde é, precisamente, ter que dar explicacións sobre a súa xestión ou sobre, mellor dito, a falta dela”.
Desde o Grupo municipal do BNG consideran preciso que a Corporación en Pleno amose e reafirme o seu compromiso para co Consello Municipal de Deportes como instrumento útil e necesario para o desenvolvemento de todas as actividades, eventos e xestión das instalacións deportivas existentes no Concello, “impedindo que o Alcalde consuma o seu obxectivo de acaparar todo o poder, limitando a capacidade da oposición e reducindo a tan necesaria transparencia e rendición de contas”.