O BNG pídelle á Xunta que dea explicacións sobre que é a fonte recentemente inaugurada na contorna dos Remedios
Desde a formación nacionalista pídenlle ao Executivo galego que aclare se a fonte é ornamental, termal ou sensorial xa que non lles consta que teña nin os permisos nin os informes técnicos preceptivos para poder considerala termal, tal e como asegurou a Conselleira na súa inauguración
Ourense, 23 de marzo de 2023. O Grupo municipal do BNG no Concello de Ourense amosa as súas dúbidas ao redor da nova fonte “termal” tale como a califica a propia Xunta de Galiza, xa que tal e como asegura o Portavoz e candidato á alcaldía Luís Seara, “non nos consta a existencia dos permisos por parte de minas da Xunta de Galiza así como a declaración mineromedicinal das augas nin os pertinentes informes sanitarios”.
Segundo Luís Seara, “a Xunta non pode enganar á veciñanza e ten polo tanto que aclarar que tipo de fonte é, que tipo de agua bota, cales son as súas propiedades e mesmo se é apta para o consumo ou non xa que a día de hoxe, na fonte, non hai ningunha sinalización sobre se é potable ou non e mesmo sobre cales son as propiedades da mesma no caso de que sexa termal”.
Para a formación nacionalista “que a Conselleira veña a Ourense a dicirnos que esta fonte vai ser un referente termal é un insulto á intelixencia da veciñanza cando por mor dunha lei aprobada precisamente pola Xunta, a lei de espazos Lúdico termais, que expresamente deixa fóra a este tipo de fontes, as instalacións termais públicas estiveron moitos meses pechadas debido á falla de sensibilidade do Goberno galego á hora de aplicar dita lei”.
Seara lembra que xa no momento da tramitación da mesma, “o BNG advertiu e foi a única forza que presentou unha emenda á totalidade do texto ao entender que prexudicada gravemente o modelo termal de Ourense, como así se está a demostrar”.
Por último, para o Portavoz e candidato á alcaldía Luís Seara, “a todo o anterior temos que engadirlle que á fronte do Goberno Local temos a unha persoa que nin cre nin creu nunca no termalismo e o claro exemplo é a situación na que se atopa a piscina termal da Burga, a cal leva tres anos pechada polo que pedimos que o alcalde deixe de dilatar os procedementos, se adxudiquen as obras de xeito inmediato e se poidan executar no prazo previsto, é dicir, seis meses”.