O BNG pregunta no Consello Municipal de Deportes pola situación das facturas da revista, encargada por Jácome en 2022, “o Concello co deporte”
As facturas, cuxo importe ascende a algo máis de 44 mil euros, foron elevadas ao Consello Reitor en decembro de 2022 con informe negativo da Intervención municipal, que advertía “dun fraccionamento do contrato co obxecto de eludir os requisitos relativos ao procedemento de adxudicación”
A proposta para a súa aprobación foi rexeitada por todos os Grupos agás polos representantes de DO
O Presidente do CMD comunicou que había unha reclamación xudicial e que o Concello terá que comparecer na xustiza no 2024
Ourense, 14 de decembro de 2023. O Grupo municipal do BNG ven de preguntar no Consello Municipal de Deportes a respecto de cal é a situación na que se atopan as facturas correspondentes coa impresión e unha terceira de redacción da revista “o Concello do deporte”. Segundo sinala o Portavoz nacionalista Luís Seara, “o Goberno Local, por voca do Presidente do CMD Anibal Pereira, comunicou que había unha reclamación xudicial por parte dos que fixeron o traballo encargado, e que o Concello terá que comparecer na xustiza no 2024”.
O representante nacionalista no CMD, Luís Seara, explica que o BNG votou en contra “ao advertir o Interventor dun fraccionamento do contrato co obxecto de eludir os requisitos relativos ao procedemento de adxudicación, tal e como establece o artigo 99 da lei de contratos, lei 9/2017 de 8 de novembro”.
Nesa mesma reunión, o portavoz do BNG preguntou quén fora o responsable da contratación das revistas, manifestando o Alcalde que “a revista foi encargada por Alcaldía e á marxe do CMD”, cando tivo responsabilidade logo da primeira saída do PP do goberno.
O acontecido, por desgraza, advirten no BNG “non é novidade”. “Son moitos os casos nos que se contrata vulnerando os procedementos. Agora estamos diante dun proceso xudicializado, toda vez, as empresas reclamaron vía xudicial, co que teremos que pagar o importe das revistas máis os xuros de demora, que na actualidade rondan o 10%”.
Segundo Luís Seara, “isto bota por terra o argumento esgrimido polo Alcalde nun Pleno recente no que nos respostou que as empresas, agás as multinacionais, non reclamaban e que por tanto o Concello non ten que pagar xuros de demora”.