O BNG propón ao Concello impulsar un modelo de xestión de residuos alternativo a SOGAMA
O BNG pedirá no pleno que o Concello impulse un modelo de xestión de residuos como o do Barbanza
As nacionalistas tamén proporán a implantación dun sistema de compostaxe descentralizada no Concello
O anuncio de SOGAMA de subir un 34% a taxa do lixo confirma que o modelo de incineración é insustentábel a nivel ecolóxico, inviábel a nivel económico e un sumidoiro de recursos e enerxía. Unha estafa á cidadanía galega que dura xa décadas e que agora ameaza con arruinar aos Concellos a través do incremento das taxas mas para o BNG a solución non pasa só pola insubmisión ante esta subida das taxas senón polo impulso definitivo do abandono do modelo de incineración.
A proposta do BNG é dar este impulso cos Concellos limítrofes ao tempo que se pon en marcha no termo municipal un sistema de compostaxe descentralizada, de demostrada eficacia, para reducir o volume de residuos para transporte e tratamento e reducir os custes no sistema actual, mentres se traballa na implantación do novo sistema.
A asociación ecoloxista Amigas da Terra avala este sistema alternativo a SOGAMA e achega datos sobre a súa viabilidade económica que faría que en tres anos o Concello estivera xa en condicións de aforrar custes no tratamento actual dos residuos, cun modelo sustentábel enerxética e económicamente.
Dende o BNG instan ao goberno a 'gobernar, e procurar solucións de futuro aos problemas actuais. Queixarse da suba de SOGAMA está ben porque é inxusta, pero hai que ir máis alá, cómpre impulsar un sistema alternativo, máis económico e respeitoso co meio ambiente'. En palabras da concelleira Ximena González 'aí están os datos e un sistema alternativo á incineración que funciona, falta a vontade política de pór en marcha unha política diferente, alternativa e de futuro. A proposta esta enriba da mesa'.
[ Estimación Compostaxe Ourense ADT ]
[ Texto íntegro da moción para a implantación dun sistema de compostaxe descentralizada ]
Ourense, 9 de decembro de 2013