Esiximos a presentación dos orzamentos en xaneiro do 2014
O BNG esixiu hoxe que, sen máis demora, o grupo de goberno presente os orzamentos en xaneiro do 2014 con todos os informes, anexos e documentación necesarios para a súa aprobación.
A prórroga dos orzamentos do 2012 supuxo que este exercicio fose un ano perdido para a cidade de Ourense porque o equipo de Agustín Fernández non foi quen de deseñar uns orzamentos que plasmasen un proxecto de goberno para dar resposta ás necesidades da cidadanía.
Segundo a concelleira Susana García non puideron executarse os investimentos, non se levaron a cabo moitas das propostas aprobadas polo pleno e o máis grave foi a imposibilidade de sacar adiante o plan de emprego aprobado por todos os grupos políticos, sindicatos e axentes sociais da cidade.
O goberno de Ourense traballou a golpe de modificacións de crédito sen coñecer cal era o teito de gasto o que fixo que os técnicos tiveran que informar desfavorabelmente na maioría dos casos ás actuacións propostas. O rexedor tivo que levantar continuamente os reparos do interventor, unha medida que debe ser excepcional pero que este goberno converteu en norma habitual.
Dende hai varios meses, os nacionalistas veñen reclamando uns novos orzamentos adaptados a realidade do 2014 para darlle solución ao desemprego, facer fronte aos recortes dos gobernos do Partido Popular, , implementar a falta de actividade económica, os peches do pequeno comercio, axudas aos desafiuzamentos, en definitiva, un goberno que dea solución á fractura social que a crise está provocando na sociedade pondo o acento nas familias máis desfavorecidas. Tamén vai parello aos orzamentos a racionalización da Relación de Postos de Traballo (RPT) coa convocatoria dun concurso de traslados que dea solución ao problema da falta de persoal nalgúns servizos así como a apertura de instalacións pechadas co argumento da falta de persoal.
Para o BNG esta deriva do goberno á hora de elaborar uns orzamentos amosa non só a incapacidade do alcalde senón tamén a fractura do grupo de goberno que na vez de manifestar unha imaxe de equipo só aflora liortas internas.