PSOE e PP endurecen as condicións para colocar cartelería na cidade sen dar alternativas
O PSOE ven de aprobar na Xunta de Goberno local unha modificación da Ordenanza de limpeza para endurecer as condicións na colocación de cartelería nas rúas da cidade. Será infracción pegar carteis en calquera elemento 'fóra dos soportes autorizados' polo Concello de Ourense e non identificar ás persoas físicas ou xurídicas responsábeis directas da cartelería en lugares non permitidos.
Con esta modificación que fai o goberno do PSOE co apoio do Partido Popular non se persegue só ás empresas que anuncian as súas actividades mediante cartelería senón, e sobre todo, a todas as organizacións e asociacións de base que non teñen acceso á colocación da cartelería nos 'soportes autorizados' e que, en diante, non poderán anunciar as súas actividades como o viñan facendo ata o de agora.
Para o Bloque Nacionalista Galego calquera medida deste tipo ten que vir acompañada de alternativas reais e concretas para estas asociacións e organizacións de todo tipo (culturais, sociais, xuvenís, etc) que anuncian as súas actividades a través de cartelería que colocan na cidade. Se non se ofrecen máis 'soportes autorizados' para a colocación de cartelería este endurecemento da ordenanza suporá un ataque a todos estes colectivos que constitúen a vida cultural e social da cidade e que tanto o PSOE como o PP desprezan na súa proposta.
O BNG rexeita unha modificación da Ordenanza de limpeza que non leva aparellada ningunha proposta ou solución alternativa á sociedade para a difusión das súas actividades nin por parte do goberno nin do Partido Popular que di ser o autor da petición.
Ante esta modificación da ordenanza a concelleira Ximena González pregúntase 'Cantos soportes autorizados hai en Ourense para o uso das asociacións? Cantos deles son de acceso libre para estas?' e indica 'non hai suficientes soportes, é algo evidente cando o propio Concello ten colocado cartelería propia fóra dos autorizados, que sentido ten endurecer unha ordenanza sen dar alternativas? Que vai pasar agora cando as asociacións queiran pór un cartel anunciando un acto calquera, unha mobilización, ou convocatoria? Que solución dá o goberno a isto? Que propón o PP? Nada, aquí trátase de prohibir e crear infraccións sen dar ningunha alternativa.'
Para o grupo municipal do BNG, que xa o ten expresado en diferentes Xuntas de Área, unha modificación así da ordenanza ten que ir acompañada dunha proposta de novos soportes autorizados para a cartelería das asociacións e movementos sociais, habilitando espazos xa existentes ou creando novos para que as veciñas e veciños teñan acceso aos mesmos, e podan empregalos para difundir as actividades que realizan. Calquera proposta que non inclúa unha alternativa deste tipo 'non contará co apoio do BNG' en palabras de Ximena González.
Ourense, decembro 2013