O BNG propón no pleno a implementación do sistema de recollida de lixo “porta a porta” na zona histórica e a retirada de todos os contedores situados ao carón de monumentos e elementos patrimoniais
Segundo a formación nacionalista, a defensa e protección do patrimonio tamén ten que ver coa conservación e a sensibilidade á hora de coidar o entorno no que se atopa
Ourense, 05 de maio de 2022. Coa moción rexistrada, no BNG pretenden rematar cos contedores de lixo que a día de hoxe podemos ver ao carón de monumentos e elementos patrimoniais ao longo de toda a zona histórica, afeando considerablemente o entorno e mesmo xerando problemas de salubridade.
Resulta difícil pretender fotografar para o recordo monumentos da nosa cidade como a Catedral ou prazas fermosas e emblemáticas como a do Ferro, a de San Martiño ou a do Trigo por exemplo, sen que en ditas fotografías non aparezan contedores de lixo de diferente tipoloxía, cores ou mesmo estado de conservación.
Segundo o Grupo Municipal do BNG, cómpre eliminar estos elementos das rúas da zona histórica da cidade e do lado de monumentos ou elementos patromoniais. A súa retirada favorecería a estética xeral, contribuiría á mellora da salubridade ao tempo que ensalzaría aínda máis a monumentalidade de toda a zona.
Desde o BNG, entenden que o denominado servizo de recollida "porta a porta" é a mellor opción para toda a zona histórica da cidade pois evitaría que a determinadas horas do día ou da noite, haxa moreas de bolsas amontonadas nalgunhas rúas agardando a ser recollidas polos operarios da concesionaria namentres numerosos roedores aproveitan para remexer entre o lixo acumulado.
Este sistema baséase principalmente na retirada casa por casa e comercio por comercio en bolsas e contedores pequenos en función do tipo de residuo, segundo un calendario semanal previamente establecido para cada unha das fraccións e nun horario previamente estipulado.
Mediante este sistema pódense recoller todas as fraccións domésticas e comerciais, conseguindo ademais recollidas específicas moi vantaxosas para os comerciantes xa que consegue unha gran calidade e cantidade de material evitando os habituais problemas de desbordamento e colapso dos contedores presentes na vía pública.
Os resultados deste sistema son polo xeral superiores ao resto de mecanismos empregados, conseguindo incrementar a reciclaxe doméstica pasando dun 37 % a un 76 % e con casi un 80 % de participación. Estamos diante dun sistema implementado hai case vinteún anos en varias cidades de Catalunya e Euskadi e cuios resultados en todos os casos son moi positivos.
Outro gran aliciente de cara a veciñanza, é o feito de que o sistema porta a porta axuda a identificar mellor a tipoloxía de residuos que se xera en cada vivenda o que posibilita a implementación de sistemas fiscalizadores máis xustos á hora de determinar as taxas que a veciñanza ten que pagar polo servizo.