O BNG RECLAMA UNHA EMPRESA PÚBLICA DE ENERXÍA E O RESCATE PARA O PÚBLICO DAS CENTRAIS HIDROELÉCTRICAS
O BNG reivindica na central hidroeléctrica de Cerves un novo modelo enerxético que socialice os beneficios nos galegos e galegas e garanta un prezo xusto da enerxía.
Noa Presas afirma que a prórroga do goberno central da concesión antes de caducar e coa oposición veciñal amosa a conivencia das forzas estatais co lobby eléctrico no que acaban ministros de PP e PSOE.
O BNG continúa coa súa campaña de recollida de sinaturas contra a suba da luz e actos reivindicativos a favor dun novo modelo enerxético que sexa xusto, galego e sostible. Como parte desta campaña o BNG reivindicou hoxe en Prexigueiro, Ribadavia, coa presenza de Noa Presas, deputada no Parlamento Galego, Maite Rodríguez, voceira do BNG de Ribadavia, e Xacobe Ribeiro concelleiro do BNG de Leiro, medidas para un novo modelo enerxético que acabe co modelo colonial e privatizador que fai que Galiza non se beneficie de ser produtora excedentaria de enerxía eléctrica malia ter o impacto social, económico e ambiental.
Para Presas “o acontecido con este salto amosa a conivencia das forzas estatais co lobby eléctrico no que acaban ministros de PP e PSOE. Só así se explica que o goberno socialista aprobase contra a vontade maioritaria de Ribadavia a prórroga da concesión e por riba antes de 2025”.
Para o BNG “isto é un absoluto escándalo, pois a liña de traballo debera ser a contraria, recuperar para o público o que nunca debeu saír do público, e máis aínda nunha zona coma esta, onde habería que dar prioridade á conservación das augas termais e a recuperación ambiental da zona fronte aos intereses económicos das grandes empresas” e sinala que “a modificación das concesións para acadar unha prórroga da vixencia é unha estratexia das empresas que o goberno está a favorecer e levaremos este caso aos diferentes Parlamentos para evitar que se produza”.
Empresa pública de enerxía
Presas sinalou que “o nacionalismo galego leva moito tempo defendendo que a enerxía é un ben público e non de especulación e que para garantir que isto así sexa é necesario recuperar a participación pública dun sector que non pode estar en mans só de grandes empresas”
Para iso “O BNG aposta por crear unha empresa pública de enerxía que planifique, impulse e participe nos diferentes sectores enerxéticos, nos recursos e nas infraestruturas e servizos” e para este obxectivo “o primeiro paso ten que ser que todos os saltos que caduquen tanto de Augas de Galiza como das bacías que dependen de Madrid, como a do Miño Sil, sexan retornados para o público. Algunhas delas terán que ser derrubadas por intereses ambientais, pero outras poden usarse para construir outro modelo enerxético e buscar o abaratamento da factura”.
Presas recordou que “a día de hoxe, no ámbito de competencia de Augas de Galiza existen uns 130 MW cunha produción anual de máis de 320 GWh en concesións adxudicadas a finais do século XIX e no primeiro terzo do XX, e máis de 1.255 MW, cunha produción de 2.313 GWh, cunha media duns 130 anos de concesión, situadas en Galiza aínda que competencia doutras Confederacións Hidrográficas que deben ser transferidas ao noso país”
Medidas para abaratar a factura
Ademais destas cuestións, o BNG levará nos próximos días mocións aos concellos da comarca demandando tamén o abaratamento do IVE da luz ao 4% e a modificación das novas tarifas por perxudicar a pemes, ao sector agrogandeiro e aos antigos usuarios da tarifa noctura.