O BNG rexistra na deputación a moción presentada pola Organización Galega de Comunidades de Montes a prol da ILP por unha Lei de Montes Veciñais
Bernardo Varela demandará o respaldo do ente provincial para que a Xunta reforce o carácter xermánico do monte comunal
O Voceiro do Grupo Provincial do BNG de Ourense, Bernardo Varela, trasladará ao pleno provincial, unha moción solicitando o apoio da corporación á Iniciativa Lexislativa Popular promovida pola Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais e que un novo marco legal se blinden as liñas mestras da ILP.
Varela propón un acordo para que Deputación esixa da Xunta un novo marco legal que Blinde a propiedade veciñal como forma de propiedade distinta da pública e da privada: como forma de propiedade excepcional vinculada á comunidade, non ás persoas en tanto que individuos.
O voceiro do BNG fai fincapé na moción que presenta para o seu debate no pleno do día 27 xuño, en que é preciso que este novo marco legal para os montes veciñais incorpore as liñas mestras demandadas polo sector: como reforzar os seu carácter xermánico, a mellora do funcionamento asembleario das comunidades de montes; acadar un monte veciñal multifuncional e sustentábel ao servizo da veciñanza comuneira e a sociedade no seu conxunto; e articular unha fiscalidade axeitada. Tampouco debemos esquecernos, indica Varela, a importancia de recoñecer os montes veciñais como unha figura de protección medioambiental e cultural en si mesmos.
Os montes comunais conforman unha titularidade singular de Galiza dado o seu carácter de titularidade xermánica. Porén está previsto a modificación da lei de montes vixente co obxectivo de desnaturalizar os montes veciñais eliminando a súa característica titularidade xermánica para convertelos en titularidade de carácter privado.
Desde hai xa unha década estase modificando diversos artigos da lei de montes veciñais e da lei de montes de Galiza e promulgando leis (lei de simplificación administrativa, lei de fomento empresarial) que teñen por obxectivo sacarlle a veciñanza comuneira a xestión das súas terras para entregarllas a terceiros.
Os montes veciñais e en man común ocupan unha carta parte do territorio galego, o equivalente a o territorio de toda unha provincia. E provincia de Ourense conta coa metade dos montes veciñais de toda Galiza; e das 512.000 hectáreas de superficie forestal coas que conta Ourense 370.000 hectáreas son de carácter veciñal